A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe o centro da rede pública autonómica

A Xunta inicia as obras no interior da residencia da Pobra do Caramiñal para adaptala ao novo modelo de coidados

O Goberno galego destinará 366.000 euros a esta actuación que rematará previsiblemente a finais deste ano 2023

Permitirá unha reforma integral dos espazos interiores para modernizalos, facelos máis accesibles, luminosos e con máis espazos comúns

Esta actuación súmase á rematada a comezos deste ano do exterior do centro
 

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 31 de agosto de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou o inicio das obras no interior da residencia pública autonómica da Pobra do Caramiñal que terán como cometido actualizada e adaptala ao novo modelo de coidados. Foi durante unha visita realizada esta tarde aos usuarios para presentarlles o proxecto cuxos traballos comezarán mañá mesmo.

En concreto, a conselleira explicou que a actuación permitirá unha mellora integral dos espazos interiores do centro para modernizalos, facelos máis accesibles, máis luminosos e con máis zonas comúns para o desfrute dos usuarios. Ademais, tamén se porá a disposición dos usuarios unha nova sala de rehabilitación. O obxectivo é actualizar este centro, con máis de 40 anos de traxectoria, e facelo máis fogar para os seus residentes.

O Goberno galego destinará a esta actuación 366.000 euros e prevese que os traballos rematen a finais deste ano 2023. A estas obras de mellora, súmanse as realizadas no exterior do edificio por 500.000 euros e que remataron a comezos deste mesmo ano. Neste caso, as actuacións centráronse na renovación da fachada, o cambio de ventás e da súa cuberta para mellorar a eficiencia enerxética e o confort dos usuarios.

Presentación de Lavadoiro

Posteriormente, Fabiola García asistiu á presentación do proxecto Lavadoiro no restaurante Baiuca, en Ribeira. Trátase dun traballo audiovisual que busca reflexionar sobre o patrimonio e a figura da muller en Galicia e conta con varios espazos situados no concello do Barbanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/08/2023