O novo campo de voluntariado da Xunta en Santa Comba colabora no coidado da ruta da Braña da Serra

Os mozos participantes poñen en valor e acondicionan esta ruta patrimonial de recente creación

Este campo de voluntariado é un dos catro novos que a Xunta incorporou á súa oferta de verán

Santa Comba (A Coruña), 31 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia contribúe este verán á posta en valor e acondicionamento da ruta patrimonial pola Braña da Serra a través dun campo de voluntariado de nova creación, en colaboración co Concello de Santa Comba. Os once mozos participantes realizan labores medioambientais como a xestión de especies exóticas, recollida de lixo e cartografía da zona.

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os participantes que proveñen de diferentes provincias a nivel nacional, que puideron explicar os traballos realizados ata o momento, como foi a recollida de testemuños da veciñanza para que poidan ser incluídos en carteis informativos que se instalarán ao longo da ruta.

 

Este campo de voluntariado de nova creación atópase nunha zona de altísimo valor ecolóxico que constitúe unha das uceiras húmidas atlánticas máis grandes de Galicia, encadrada nas parroquias de San Pedro de Xallas de Castriz (Santa Comba) e San Miguel de Couso (Coristanco).

Ademais dos labores medioambientais, os mozos fan unha ruta guiada coa veciñanza, colaboran co voluntariado local encargado da organización das festas, realizan obradoiros de teatro con veladas de improvisación e actividades como caiac, cestería e excursións pola natureza.

Ampla oferta de actividades na provincia

A Xunta organiza este verán un total de trece campos de voluntariado na provincia de A Coruña, que suman 225 prazas, sendo este campo de Santa Comba unha das novidades da campaña de verán 2023. Ademais deste campo, na provincia celébranse outros nos concellos de Boiro, As Pontes, Outes, Boqueixón, Mesía, A Laracha, Rois, Ribeira, Coirós, Vilasantar, Boimorto e Ponteceso.

Os campos de voluntariado da Xunta acollen mozos de 18 a 30 anos de idade que proveñen de Galicia, de varias comunidades autonómicas e de diferentes países do estranxeiro. A campaña de verán deste ano 2023 é a máis ampla da historia, con máis de 11.200 prazas en distintas actividades, pero tamén e a máis variada e accesible. Nela ofrécense actividades para todas as idades e gustos como campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos ou intercambios con outras Comunidades. O obxectivo é que a mocidade pase uns días de aprendizaxe e diversión e que os pais conten cun servizo de conciliación para esta época estival.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/08/2023