O conselleiro de sanidade reúnese cos representantes da comunidade islámica para informarlles da aprobación do novo decreto de sanidade mortuoria de Galicia

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuniuse onte con representantes da comunidade islámica en Galicia, para informarlles da aprobación, por parte do Goberno galego, no Consello da Xunta desta semana, do novo decreto de sanidade mortuoria de Galicia.

Tal e como lles trasladou o conselleiro na xuntanza, a nova norma presta especial atención ás implicacións que o dereito á liberdade relixiosa ten respecto desta materia, contendo unha regulación expresa para aqueles enterramentos que, por motivos confesionais, teñan que realizarse en contacto coa terra. Nesta liña, contempla a posibilidade de eximir do uso de ataúde, cando así se demande, e previa conformidade da entidade titular do cemiterio no que se vaia inhumar.

Na xuntanza estiveron presentes, ademais do conselleiro, a secretaria xeral técnica da Consellería, Natalia Lobato; e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán. Por parte da comunidade islámica asistiron o presidente da comunidade en Santiago, Samir Sami; o presidente da comunidade en Galicia, Elmahjoub Dareme; e o delegado da comisión islámica de España en Galicia, Mustafa Alhendi.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/08/2023