A Policía Autonómica detén un home en Lugo por un presunto delito de violencia de xénero

A UPA ten asignada a protección de 285 vítimas de violencia de xénero nas distintas xefaturas da unidade

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2023 Axentes da xefatura provincial da Policía Autonómica (UPA) en Lugo, detiveron o pasado 22 de agosto un varón como presunto autor dun delito de violencia de xénero.

Os axentes, tras recibir unha chamada do 112 Galicia alertando dunha muller que manifestara sufrir unha agresión por parte da súa parella, acudiron á dirección facilitada. A Policía Autonómica procedeu á detención e trasladou o varón á comisaría da Policía Nacional de Lugo, onde se tramitaron dilixencias por presunto delito de violencia de xénero, que foron remitidas ao xulgado de garda de Lugo.

Actualmente a Policía Autonómica ten asignada a protección de 285 vítimas de violencia de xénero nas distintas xefaturas da unidade.

A UPA asumiu competencias na materia en setembro de 2016, tras asinar un protocolo de coordinación coa Xefatura Superior de Policía de Galicia que supuxo, entre outros aspectos, integrar o punto de coordinación das ordes de protección de Galicia co sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (Sistema Vioxén). 

As funcións que desenvolven os efectivos pasan, fundamentalmente, por desprazar medios ante avisos de episodios de violencia, en colaboración coa Policía Nacional; prestar atención singularizada á vítima, a través de información detallada sobre procedementos legais, institucións de apoio...; o traslado das vítimas ao centro asistencial cando teñan sido agredidas, así como á comisaría para proceder á denuncia; a recollida de datos sobre o agresor e posta en marcha de medidas de seguridade oportunas; e a adopción das medidas de protección establecidas nos correspondentes protocolos, tendo en conta o nivel de risco da vítima.

Data de actualización: 31/08/2023