A Xunta anima a consumir produtos do mar en Arteixo cunha das foodtrucks da campaña Galicia sabe amar

Esta iniciativa, que percorreu a xeografía española e está de volta en Galicia, permite degustar unha selección de receitas elaboradas con produtos certificados do mar e da terra para enxalzar a gran variedade e calidade de recursos mariños da comunidade

A acción promociona a excelencia das materias primas galegas ao tempo que rende homenaxe ao labor que realizan os profesionais da cadea mar-industria

Arteixo (A Coruña), 30 de agosto de 2023 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, visitou esta mañá unha das foodtrucks da campaña GALICIA SABE AMAR que estivo en Arteixo. Alí o delegado animou a locais e visitantes a probar os petiscos realizados con peixes e mariscos galegos que se poden degustar no marco desta campaña.

Esta iniciativa da Xunta percorreu xa moitos municipios de España vencellados co Camiño de Santiago a través de catro furgonetas que están de volta en Galicia e que xa achegaron a calidade dos produtos do mar a preto de 230.000 persoas.

O Executivo galego busca enxalzar deste xeito a variedade e calidade dos peixes e mariscos de Galicia así como a gastronomía da comunidade. Nestas paradas os visitantes poden degustar algunhas das 10 receitas que se elaboran con produtos certificados do mar como o berberecho de Noia, o bonito do norte ou o Mexillón de Galicia, xunto con outros da terra con denominación de orixe como as fabas, o mel, os pementos, os queixos, o pan e as patacas.

Deste xeito, a campaña de promoción dos produtos do mar de Galicia -posta en marcha en 2021 para, entre outros obxectivos, render homenaxe aos milleiros de profesionais que durante a pandemia traballaron arreo para que nos fogares galegos non faltase un prato de peixe- achegará á cidadanía elaboracións como choco con fabas de Lourenzá, navallas en mollo de pemento de Herbón ou zamburiñas en escabeche con garavanzos. Así móstrase a calidade dos produtos pesqueiros galegos e o gran labor que realizan os profesionais dos distintos elos da cadea mar-industria.

As persoas interesadas en visitar algunha parada das catro rutas de foodtrucks poden informarse nos perfís de redes sociais da Consellería do Mar ou na páxina web da campaña onde se actualizan os datos referidos aos distintos percorridos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2023