Lete Lasa destaca a importancia dos hábitos saudables para combater os obstáculos de calquera enfermidade na presentación da Gladiator Race

A carreira contará con máis de 6 quilómetros e 30 obstáculos e xa conta con o aforo completo para os adultos -1.200 inscritos- e máis de 200 rapaces e rapazas que participarán na Gladiator Kids. A organización doará un euro de cada inscrito á investigación da enfermidade de Dent

Santiago, 30 de agosto de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez presentaron na mañá de hoxe a carreira de obstáculos (OCR) Gladiator Race que terá lugar na contorna do Monte Gaiás este sábado 2 de setembro. A carreira contará con máis de 6 quilómetros e 30 obstáculos e xa conta con o aforo completo para os adultos -1.200 inscritos- e máis de 200 rapaces e rapazas que participarán na Gladiator Kids que percorrerán unha menor distancia con menos obstáculos acompañados dos seus pais.

Entre eles estará Hugo, un neno de dez anos de Brión que xoga no Club Baloncesto Brión e no Esclavitude de Padrón e que é un dos dez casos diagnosticados en Galicia con Dent, unha enfermidade rara na que os pacientes perden proteínas, calcio, fósforo, ferro e todos os minerais que son necesarios para vivir, polos ouriños, provocando problemas no crecemento, nos ósos, ademais dunha insuficiencia renal crónica que é máis ou menos acentuada en función de cada caso. A súa nai, María Castelao xunto con outras familias ideou a asociación benéfica ‘Art for Dent’ que botou a andar en 2021 da man doutras familias afectadas pola enfermidade. A organización da proba doará un euro por cada inscrito ao proxecto de investigación da enfermidade de Dent que leva a cabo o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

Neste sentido, Lete Lasa destacou que a Gladiator Race conta cunha filosofía parella ao lema do Plan Galicia Saudable da Xunta, ‘Deporte para toda a vida’ que procura a expansión dos hábitos activos e saudables en toda a poboación. A Xunta de Galicia leva moitos anos implicada na vida activa e saudable da poboación dende as idades máis temperás a través de programas como o Xogade no que o Goberno galego paga o seguro deportivo de todos os nenos entre 6 e 16 anos que realizan algunha actividade deportiva escolar ou federada e que xa chega ao 54% dos escolares.

Así, destacou o exemplo de Hugo como un deses rapaces e rapazas que, a pesar dos obstáculos, decidiu escoller o camiño do deporte para mellorar a súa calidade e vida e o seu benestar. Ademais gabou o esforzo solidario da organización e das familias que son os auténticos gladiadores da sociedade actual.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2023