A Xunta apoia o programa de deporte inclusivo da Fundación María José Jove

O programa de verán ‘Esfuerza’ posibilita a práctica de vela e piragüismo adaptado a persoas con discapacidade

A Xunta destaca o labor social e terapéutico desta iniciativa que redunda na autoestima e benestar dos participantes

A Coruña, 30 de agosto de 2023

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe no porto de A Coruña os participantes do programa ‘Esfuerza’ que posibilita a práctica de vela e piragüismo adaptado. Este programa de deporte inclusivo, iniciativa da Fundación María José Jove, desenvólvese durante os meses de verán na cidade herculina.

A directora xeral, acompañada da presidenta da entidade Felipa Jove, destacou o labor social desta iniciativa deportiva que inclúe diversas modalidades adaptadas como piragüismo,  vela, pesca viva ou acondicionamento físico. O obxectivo do programa é contribuír ao desenvolvemento persoal e social dos participantes a través dun marco lúdico e con plans adaptados a cada persoa.

A Xunta e a entidade puideron constatar os resultados terapéuticos e de rehabilitación destas actividades, que tamén propician a socialización mediante actividades en grupo e facilitan gañar autoestima. A tempada de verán do programa ‘Esfuerza’ contou con 264 prazas, ás que se suman outras tantas na tempada de inverno.

Programa Esfuerza

O programa ‘Esfuerza’, creado hai xa 14 anos pola Fundación María José Jove, é pioneiro en España e único en Galicia. Está dirixido fundamentalmente a persoas maiores de oito anos e cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Nos últimos anos incorporado persoas sen discapacidade nas actividades de vela e piragua para promover a inclusión. Desde os seus inicios levan ofertadas máis de 7.500 prazas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2023