A Xunta investirá máis de 150.000 euros na instalación do equipo de radioloxía no centro de saúde de Ortigueira

O Sergas realizará un investimento da mesma cantidade na creación da sala de raios X dixitais no centro de saúde de Pontedeume

Esta iniciativa enmárcase na licitación que a Xunta adxudicou por un importe de case 500.000 euros para a adquisición de novas salas de radioloxía e renovar as xa existentes na área sanitaria de Ferrol

Ortigueira, 30 de agosto de 2023

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, visitou hoxe o centro de saúde de Ortigueira, onde destacou que a Xunta investirá 151.250 euros na creación da nova sala de raios X dixital neste centro, para dotalo dunha maior capacidade diagnóstica e mellorar así a prevención da enfermidade e evitar complicacións posteriores nos pacientes.

Na visita da representante da Consellería de Sanidade, na que estivo acompañada do alcalde, Valentín Calvín, así como polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio, a directora xeral subliñou que, co fin de reforzar o seu propósito dunha atención primaria máis resolutiva, a Xunta investirá, tamén, outros 151.250 euros na nova sala de radioloxía no centro de saúde de Pontedeume, e un total de 181.500 euros na renovación dos equipos de raios X dixitais do centro de saúde Fontenla Maristany.

Esta iniciativa, -dixo Sofía López-, enmárcase na licitación que a Xunta adxudicou, por un importe de 500.000 euros, para a adquisición de novas salas de radioloxía e renovar as xa existentes na área sanitaria de Ferrol.

A directora xeral puxo en valor que, con este investimento, a Xunta fortalece a súa aposta por unha atención primaria cunha maior capacidade diagnóstica. Trátase de novos equipos que permitirán obter con maior rapidez un diagnóstico precoz, e axudarán no seguimento de patoloxías e evitarán desprazamentos innecesarios aos pacientes, -concluíu-.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2023