A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, supervisou hoxe estas obras que acadarán unhas rúas máis seguras, accesibles e humanas

Ethel Vázquez avanza que a Xunta rematará a finais deste ano a humanización das rúas Buenos Aires e Progreso do Porriño, logo dun investimento de case 1 M€

Trátase dunha reforma integral na PO-329, no centro urbano do Porriño, destinada a transformar unha estrada en rúa na que os coches ceden protagonismo aos peóns
 

Os obxectivos das obras son facer as beirarrúas máis anchas, primar os peóns fronte aos vehículos, reordenar as zonas de aparcadoiro, renovar os pavimentos e mellorar a iluminación con 22 novos puntos de luz e reforzos lumínicos nos pasos peonís
 

No treito que vai desde a glorieta coa PO-511 e a PO-331 ata o cruce co río Louro, pasando baixo a autovía A-55, os traballos están practicamente finalizados
 

As actuacións nas proximidades da glorieta rematarán nas vindeiras semanas para avanzar logo con maior intensidade nas da rúa Progreso, entre o límite con Mos e o paso a nivel coa vía férrea
 

Ao final intervirase no treito máis complexo, entre o paso a nivel e o acceso á empresa Frigolouro, onde se actuará coa maior axilidade e coidado para minorar a afección
 

O Porriño (Pontevedra), 30 de agosto de 2023 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou esta mañá que a Xunta rematará a finais deste ano a humanización das rúas Buenos Aires e Progreso do Porriño logo dun investimento de case 1 M€. 

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Urbanismo, Antía Carrera, supervisou hoxe o avance destas obras para transformar a imaxe e a configuración destas rúas e facelas máis seguras, máis accesibles e máis humanas. 

Trátase dunha reforma integral na vía autonómica PO-329 ao seu paso polo centro urbano, destinada a transformar unha estrada en rúa e conseguir que os coches cedan protagonismo en favor dos peóns. 

A actuación desenvólvese nun treito de case 700 metros da PO-329 para reforzar a seguridade a pé dos veciños, ademais de mellorar a accesibilidade e o aspecto estético da vía, favorecendo a súa mellor integración na vida urbana do núcleo do Porriño. 

As obras completan a renovación desta estrada, continuando a intervención executada no treito inicial no termo municipal de Mos. 

Os traballos teñen como obxectivos facer as beirarrúas máis anchas, para favorecer un tránsito máis cómodo e seguro para os veciños; primar os peóns fronte aos vehículos, reducindo para iso a anchura dos carrís de circulación; e reordenar as zonas de aparcadoiro. 

Tamén se prevé a renovación dos pavimentos e a dotación de mobiliario urbano e mellora da iluminación con 22 novos puntos de luz e con reforzos lumínicos nos pasos peonís, para garantir unha maior seguridade. 

O proxecto, a petición do Concello e o Consorcio de Augas do Louro, estase a aproveitar para acometer tamén unha necesaria renovación e ampliación das redes de saneamento e abastecemento. 

Ámbitos de actuación

A intervención, segundo as necesidades detectadas, dividiuse en diferentes ámbitos, comezando pola zona da rúa Buenos Aires, no treito final da actuación.

 Neste treito, que vai desde a glorieta coa PO-511 e a PO-331 ata o cruce co río Louro, pasando baixo a autovía A-55, os traballos están practicamente finalizados. 

Na zona máis próxima ao río, a prioridade era mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándonos á normativa de accesibilidade. 

Nas proximidades da glorieta, acométese unha actuación máis ampla, coa reordenación da calzada para gañar espazo para os peóns, reducindo o dos carrís, ademais de dispoñer sitio para os contedores e aparcadoiros, renovando e ampliando tamén as beirarrúas, a iluminación e a sinalización e dispoñendo mobiliario urbano.

Ethel Vázquez concretou que unha vez se rematen as obras neste treito nas vindeiras semanas, intensificaranse os traballos xa en execución na rúa Progreso, entre o límite con Mos e o paso a nivel coa vía férrea, onde se acometerán a reordenación da calzada a e a humanización da vía. 

Sinalou que finalmente se intervirá no treito máis complexo, entre o paso a nivel e o acceso á empresa Frigolouro, onde os técnicos se comprometen a actuar coa maior axilidade e coidado para minorar a afección e as molestias. 

Puxo en valor esta actuación transformadora da accesibilidade, da seguridade peonil e da estética da estrada PO-329 no Porriño.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2023