O presidente galego visitou hoxe en Covelo aos participantes dun dos minicampamentos do programa ‘Coñece Galicia’

Rueda destaca o compromiso da Xunta coa conciliación familiar a través dos campamentos de verán que este ano bateron récords de participación

Resalta que Galicia “é a comunidade que máis prazas oferta” superando as 11.200 nesta campaña e chegando case ao 100% de ocupación

Subliña a importancia de programas como Coñece Galicia que, ademais de ofrecer actividades de ocio aos mozos, “son unha oportunidade” para que coñezan outras zonas da comunidade galega

Este tipo de actividades buscan inculcar valores como o compañeirismo ou o coidado do medio ambiente nos máis pequenos, ao tempo que as familias teñen máis facilidades para compaxinar a vida laboral co coidado dos fillos
 

Covelo (Pontevedra), 29 de agosto de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o novo récord de prazas e de participación que acadou a campaña de campamentos de verán da Xunta este 2023, superando as 11.200 prazas e rozando o 100% de ocupación. “Galicia é, con moita diferenza, a comunidade autónoma que ofrece máis prazas en campamentos durante os meses do verán”, indicou Rueda durante a visita a un dos minicampamentos do programa Coñece Galicia que se celebra no concello pontevedrés de Covelo.

Durante a visita, na que estivo acompañado da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, Rueda subliñou o compromiso da Xunta con este tipo de iniciativas que “son unha oportunidade” para facilitar a conciliación familiar. O presidente lembrou que o Goberno autonómico destina “máis de 4 millóns de euros” a campamentos este ano, co obxectivo de que nenos e nenas de entre 10 e 14 anos desfruten de estadías de cinco días en doce establecementos hostaleiros da comunidade.

Trátase de iniciativas nas que os máis pequenos poden adquirir competencias e valores como o compañeirismo ou a sensibilización con medio ambiente. Ademais, Rueda resaltou que estes campamentos “son unha oportunidade para coñecer Galicia” xa que permiten que tanto os rapaces como as súas familias poidan descubrir a riqueza natural e patrimonial doutros puntos do territorio galego.

Desestacionalización do turismo

Nesta liña salientou que, logo de seguir incrementado o número de turistas durante os meses de verán, un dos obxectivos da Xunta é “desestacionalizar o turismo en Galicia” para que tanto os propios galegos como os viaxeiros doutras zonas visiten á comunidade ao longo de todo o ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/08/2023