A Xunta lembra que segue aberto o prazo das axudas para modernizar as explotacións especializadas en produción vexetal dotadas con 3 millóns de euros

Estas achegas pretenden apoiar os investimentos en cultivos destinados á alimentación humana e á produción de plantas ornamentais e de flor cortada

Poderán ser beneficiarios todos aqueles titulares de explotacións agrícolas que estean inscritos no Rexistro de Explotacións Agraria de Galicia (Reaga)
 

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2023

Segue aberto o prazo para solicitar as axudas para plans de mellora en explotacións especializadas en produción vexetal, dotadas con tres millóns de euros a cargo do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Os interesados teñen de marxe ata o día 4 de setembro para solicitalas.

Esta liña de achegas ten como obxectivo apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en cultivos destinados á alimentación humana e á produción de plantas ornamentais e de flor cortada. Desta forma, búscase mellorar os resultados económicos das explotacións agrícolas ao facilitar a súa reestruturación e modernización, incrementando a súa participación e orientación no mercado e diversificando a produción agraria. Do mesmo xeito, búscase reducir a pegada ambiental, diminuíndo as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura. Neste senso, poderán ser beneficiarios de ditas axudas todos aqueles titulares de explotacións agrícolas que estean inscritos no Rexistro de Explotacións Agraria de Galicia (Reaga) e con orientación técnica e económica principal horticultura e cultivos diversos, cultivos leñosos, sementes e plántulas de hortalizas e patacas.

En canto aos investimentos materiais ou inmateriais subvencionables, serán todos aqueles que impliquen unha mellora do rendemento global, da competitividade ou da viabilidade da explotación. Así, entraría dentro desta orde a reforma ou construción de instalacións, a compra de maquinaria, a compra de construcións agrarias en desuso, a plantación e mellora de cultivos leñosos de aptitude frutícola e mesmo a compra de terreos. Como investimento inmaterial, serán subvencionables os gastos como os honorarios dos técnicos que elaboren proxectos de construción, reforma ou licencias de software, entre outros.

Data de actualización: 29/08/2023