A Xunta participa na III Edición do Certame Espirito Ribeiro que terá lugar esta fin de semana en Castrelo de Miño

Xosé Merelles indicou que o festival volve a contar co apoio do apoio do Goberno galego xa que supón un importante reclamo turístico e xeran un impacto positivo nas economías dos concellos participantes

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria apoia tamén o evento Espírito do Ribeiro como un punto de encontro das bodegas con denominación de orixe co público, co fin de que poidan desfrutar das súas producións

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), Jose Luis Cabarcos, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron esta mañá en Castrelo de Miño na presentación do festival “Espírito Ribeiro”, organizado polos concellos de Arnoia, Castrelo de Miño e Cenlle, e que terá lugar esta fin de semana.

Xosé Merelles indicou que o festival volve a contar co apoio do Goberno galego xa que supón un importante reclamo turístico e xera un impacto positivo nas economías dos concellos participantes. “A viticultura e a súa vertente turística, o enoturismo, están chamados a ser un dos recursos sobre os que pivota o sector turístico  galego”, indicou o director de Turismo.

Ademais, este evento tamén está centrado na gastronomía, que é o segundo motivo polo que os turistas elixen Galicia. Segundo explicou Merelles, dende a Xunta está en marcha o Plan de Territorial de Sustentabilidade Turística de Enogastronomía de Galicia, cun orzamento de 31,9M €, que ten como obxectivo promocionar Galicia como destino enogastronómico de primeiro nivel. A provincia de Ourense contará con 3 Plans dos que se beneficiarán 30 concellos da provincia, e entre eles, están Arnoia, Cenlle e Castrelo de Miño que contarán con 1,5 millón de euros para poñer en marcha xunto a outros concellos da comarca , o PSTD Ribeiro – O Carballiño.

Un ano máis, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria apoia o evento Espírito do Ribeiro como un punto de encontro das bodegas con denominación de orixe co público, co fin de que poidan desfrutar das súas producións.

A aportación principal a estas xornadas é facilitar o acceso de produtores a un espazo expositivo dos seus produtos, os viños amparados pola Denominación de Orixe Ribeiro. Un espazo que facilita tanto o circuíto curto de comercialización entre o consumidor final e o produtor como a propia interacción, para que poidan explicar as características diferenciais das súas producións vitivinícolas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/08/2023