Os directores xerais de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e de Maiores e Atención Sociosanitaria, xunto ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, mantiveron unha reunión técnica co presidente do organismo

A reunión, convocada a petición da Federación Galega de Municipios e Provincias, terá lugar na segunda quincena do mes de setembro

Permitirá examinar o cumprimento de dito documento e as distintas circunstancias que afectan ao financiamento do servizo, de competencia municipal

A Xunta adiantou nun ano o compromiso acadado neste acordo marco ao financiar desde este mesmo ano 12 euros a hora, un aumento comprometido para o vindeiro 2024

O Goberno galego destina ao Servizo de Axuda no Fogar máis de 112 millóns de euros anuais, un 10% máis que no 2022 e 100 millóns máis que no ano 2009

Durante a reunión tamén se abordou o financiamento da gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos de titularidade municipal
 

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2023

A Xunta analizará nunha reunión da comisión de seguimento o acordo marco asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) no ano 2021 para blindar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Así se acordou no encontro técnico mantido esta mañá entre o equipo directivo da Consellería de Política Social e Xuventude e o presidente do organismo, Alberto Varela.

Por parte da Consellería asistiron a esta reunión os directores xerais de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, así como o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez. Un encontro que permitiu analizar as peticións por parte do representante dos concellos galegos sobre a financiación da gratuidade nas escolas infantís de 0 a 3 anos de titularidade municipal e do Servizo de Axuda no Fogar, competencia tamén das Administracións locais.

Neste sentido, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica sinalou ao inicio da reunión que o Goberno galego cumpriu o acordo asinado coa Fegamp para o financiamento deste servizo e mesmo adiantou un ano o incremento comprometido do prezo hora. Neste ano 2023 a Xunta destina ao Servizo de Axuda no Fogar un orzamento récord de 112 millóns de euros, un 10% máis que no pasado ano e 100 millóns máis que no ano 2009. Este incremento permitiu situar o prezo hora nos 12 euros, unha cifra acordada para o vindeiro ano 2024.

O Goberno galego amosa deste xeito a súa firme aposta polo Servizo de Axuda no Fogar. Así mesmo, os representantes do Goberno galego lembraron que o Goberno central segue a incumprir a Lei de Dependencia que obriga ao Estado a cofinanciar nun 50% os gastos en dependencia, mentres que na actualidade tan só o fai nun 30%.

Gratuidade das escolas infantís

Pola súa parte, Jacobo Rey lembrou que o Consello da Xunta de Galicia aprobou xa a orde de axudas para financiar a gratuidade das escolas infantís de titularidade municipal, dotada con 7,7 millóns de euros. Sobre este servizo, asegurou que o Goberno galego segue a afrontar o financiamento desta medida histórica sen o apoio do Goberno central.

“A Xunta destina cada ano 55 millóns de euros de fondos propios á gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, mentres que a Administración do Estado destina cero”, asegurou. Neste sentido, destacou que existe unha petición dos grupos do Parlamento galego para solicitar a colaboración do Goberno central na financiación desta medida que beneficia a 31.000 familias galegas.

Data de actualización: 29/08/2023