A Xunta inicia as obras de mellora do firme en 5 estradas da provincia de Ourense ao seu paso por 17 concellos, cun investimento de máis de 3,6 millóns de euros

Os traballos, cun prazo de execución de 6 meses, están a comezar na OU-801 en Cortegada

As tarefas beneficiarán vías autonomicas nos concellos da Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Cortegada, Esgos, Maceda, Melón, Montederramo, O Pereiro de Aguiar, Ourense, Parderne de Allariz, Padrenda, Pontedeva, Ribadavia e San Cibrao das Viñas

Ademais, darase resposta aos problemas do firme na ponte de Xunqueira de Espadanedo, ao actuar nun treito de 5,5 km da OU-536 ao seu paso polo municipio

Na OU-101, que une Ourense con Maceda, ademais do reforzo do firme mellorarase a seguridade viaria no primeiro quilómetro do treito urbano, no concello de Ourense

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2023

A Xunta vén de iniciar as obras de mellora do firme en cinco estradas autonómicas da provincia de Ourense ao seu paso por 17 concellos, que supoñen un investimento de máis de 3,6 millóns de euros.

As actuacións, cun prazo de execución de 6 meses, están a comezar pola estrada OU-801, en Cortegada, e continuarán nas demais estradas previstas no contrato, é dicir, na OU-193, OU-536 ao seu paso por Xunqueira de Espadanedo e demais concellos da traza, na OU-412 e na OU-101.

Os traballos consisten na rehabilitación do firme para actuar nunha lonxitude de máis de 120 km de vías autonómicas, mediante fresado, de 5 ou 10 centímetros de espesor, segundo o grado de deterioro existente, a reposición da capa de rodaxe e o repintado da sinalización e marcas viarias nestas cinco vías autonómicas ao paso por 17 municipios da provincia.

As tarefas realizaranse nestas cinco vías autonómicas ao seu paso polos concellos da Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Cortegada, Esgos, Maceda, Melón, Montederramo, O Pereiro de Aguiar, Ourense, Parderne de Allariz, Padrenda, Pontedeva, Ribadavia, San Cibrao das Viñas, San Xoán de Río e Xunqueira de Espadanedo.

No caso específico da estrada OU-536, que une Ourense e A Pobra de Trives, os traballos permitirán dar resposta á preocupación trasladada desde o Concello de Xunqueira de Espadanedo polo estado de conservación do firme na ponte.

Así, tras realizar as inspeccións necesarias, os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas constataron que esa ponte sobre a OU-536 en Xunqueira de Espadanedo non presenta ningún problema de tipo estrutural, se ben o firme está deteriorado, cunha rodeira importante que está sinalizada para permitir o tránsito en condicións de seguridade, polo que se considera prioritario actuar nese punto.

Deste xeito, a través destes traballos darase resposta aos problemas identificados na ponte, relacionados co estado do firme. Concretamente, no caso da estrada OU-536 ao seu paso por este municipio, mellorarase o firme nun treito de 5,5 km cun investimento de 471.000 euros.

No municipio de Cortegada, actuarase no reforzo de firme das estradas OU-193 e OU-801. Intervirase, en total, en algo máis de 11 km, cun investimento de 541.000 euros. Neste caso, as obras consistirán na reposición completa do firme en 2 km da estrada OU-193; e tamén en completar a reparación do firme da estrada OU-801, tras os traballos levados a cabo o pasado ano.

Ademais das actuacións nas vías OU-193 e OU-801 en Cortegada, e da estrada OU-536 ao seu paso por Xunqueira de Espadanedo e demais concellos da traza, actuarase tamén nas vías OU-412 e OU-101.

No caso desta última estrada, a OU-101 que une Ourense con Maceda, levarase a cabo o reforzo do firme e tamén unha mellora da seguridade viaria no primeiro quilómetro do treito urbano, no concello de Ourense.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/08/2023