A Xunta destina máis de 800.000€ a axudas de desprazamento para as prácticas formativas do alumnado de FP en Galicia, España e o estranxeiro

O Diario Oficial de Galicia convoca estas bolsas, dirixidas a estudantes que estean cursando o último ano dun ciclo formativo ou máster de FP

Para o alumnado que realice as prácticas dentro da comunidade autónoma e fóra do seu concello, a contía máxima da axuda é de 375 €

Os que realicen a formación en centros de traballo noutras partes de España percibirán unha cantidade fixa de 200 €

Os estudantes que vaian ao estranxeiro disporán dunha base fixa de ata 240 € e unha parte variable de ata 150 € á semana en función do país de destino

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia destina 803.235€ ás axudas económicas ao desprazamento dirixidas ao desprazamento do alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo e ao alumnado que cursa a modalidade de FP Dual. O obxectivo desta convocatoria, que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia, é compensarlles parcialmente os gastos extraordinarios derivados da realización das actividades formativas en empresas da comunidade autónoma ou do resto de España e mesmo noutros países de dentro ou fóra da Unión Europea.

Con esta liña de bolsas, enmarcada na Estratexia FP Galicia 2030, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades facilita que o alumnado realice esta formación práctica que mellora o seu coñecemento do mundo real do traballo. Ao mesmo tempo, favorécese a mobilidade nacional e transnacional das persoas que desexan formarse noutros países, o que permite a mellora das competencias lingüísticas e profesionais.

Destinatarios e prazos

Poderá concorrer a esta convocatoria o alumnado que estea cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao profesional básico, de grao medio ou grao superior de Formación Profesional inicial, cursos de especialización, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos ou nalgún ciclo formativo de FP Dual. En calquera caso, deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo ou FP Dual antes do 31 de decembro deste ano.

A convocatoria establece dúas modalidades en función dos destinatarios. Na modalidade A, destinada a quen realice a formación dentro do territorio español, a contía da axuda dependerá de onde se realicen as prácticas e do número de xornadas. Así, o alumnado que realice as prácticas ou a FP Dual dentro da comunidade autónoma recibirá ata un máximo de 375€, sempre que o concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo ou o de residencia do estudante durante ese período. A contía a percibir polo alumnado establecerase en función do número de xornadas realizadas no módulo de prácticas ou, no caso da FP Dual, do número de xornadas de permanencia na empresa.

No caso do alumnado que realice a formación fóra da comunidade autónoma, percibirá unha cantidade fixa de 200€ aínda que realice as prácticas ou a FP Dual en varios centros de traballo.

Na modalidade B, destinada a quen realice a formación fora do territorio español, a contía das axudas variará en función do país de destino. Deste xeito, establécese unha contía base de entre 120€ e 240€ dependendo do país (para todo o alumnado con independencia das semanas de estadía no estranxeiro), e unha cuantía adicional segundo as semanas de estadía no estranxeiro para dita formación, que vai dos 72€ aos 150€/semana.

Solicitudes

O alumnado deberá tramitar as axudas a través do centro educativo no que estea a estudar a FP e haberá dous prazos para facelo. O primeiro deles estará aberto ata o 28 de setembro e está dirixido a quen realizase as prácticas nos períodos de outubro de 2022 a marzo de 2023 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2023, así como ao alumnado de FP Dual.

O segundo prazo, comprendido entre o 16 de outubro e o 16 de novembro de 2023, será para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar as prácticas no período de setembro-decembro de 2023 e que a remate antes do 31 de decembro de 2023.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/08/2023