A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co delegado da Xunta na Coruña, destaca o investimento total de 3,6 M€ en Noia entre este proxecto para reforzar o sistema de abastecemento e a mellora da depuradora que se vai iniciar en breve

Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras de mellora da potabilizadora de Noia, cun investimento de 1,3 M€ e o obxectivo de servir ata 24.000 habitantes

Vázquez Mourelle indica que se prevé adxudicar o contrato nos primeiros meses de 2024 e empezar a continuación as obras, cun prazo de 6 meses
 

Sinala que as obras previstas solucionarán os problemas de capacidade, pois a planta fora deseñada para 15.000 habitantes, e de funcionamento, ao presentar deficiencias no pretratamento ou no sistema eléctrico
 

Concreta que se procederá á instalación dun pretratamento completo, de dúas bombas somerxibles, á automatización do proceso ou á reforma da instalación eléctrica
 

Adianta que a Xunta tamén comezará de forma inmediata a mellora da depuradora de augas residuais, cun investimento de máis de 2,3 M€
 

Pon en valor o apoio do Goberno galego aos concellos, cun investimento de máis de 1.100 M€ desde o 2009 en infraestruturas hidráulicas
 

Noia (A Coruña), 28 de agosto de 2023 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras de mellora da potabilizadora de Noia, cun investimento de 1,3 M€ e o obxectivo de servir ata 24.000 habitantes. 

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, abordou hoxe esta licitación que recolle a Plataforma de Contratos da Xunta, establecendo un prazo de presentación de ofertas que vai ata o 9 de outubro.

Sinalou que se está a traballar co obxectivo de poder adxudicar o contrato nos primeiros meses de 2024 e, a continuación, tan pronto como sexa posible, empezar a executar as obras, que teñen un prazo de execución de 6 meses. 

Subliñou que a mellora da estación potabilizadora de Noia é unha necesidade que se debe atender, por razóns de capacidade, xa que foi deseñada para servir a unha poboación aproximada de 15.000 habitantes e iso hoxe é insuficiente para o municipio.

Explicou que tamén é necesaria a mellora da planta, xa que non está automatizada, carece de pretratamento previo e ten problemas no sistema eléctrico.
 
Para solucionar estas eivas, concretou que o proxecto deseñado vai permitir modernizar e ampliar a capacidade da potabilizadora.
 
A titular de Infraestruturas precisou que se procederá á instalación dun pretratamento completo, de dúas bombas somerxibles, á automatización do proceso, á execución dunha nova liña de lodos, á instalación dun bombeo de recirculación para a desinfección e á reforma do circuíto hidráulico e da instalación eléctrica.
 
Puxo en valor o compromiso e a implicación do Goberno galego coa xestión dos servizos da auga en Noia, porque, ademais destas obras da potabilizadora, de forma inmediata comezará a mellora da depuradora de augas residuais, cun investimento de máis de 2,3 M€. En total, dixo, a Xunta está a investir 3,6 M€ para a mellora de Infraestruturas hidráulicas neste concello.
 
Lembrou que os concellos teñen a responsabilidade de subministrarlle á cidadanía auga en cantidade e coa calidade suficientes e que ese deber que require dispoñer de infraestruturas precisas, especialmente importante neste contexto de cambio climático.
 
Remarcou que a Xunta, dadas as dificultades dos concellos nesta materia, está a prestarlles axuda para dotarse das infraestruturas que permitan blindar o abastecemento deste ben esencial.
 
Recordou que o Goberno galego leva investido máis de 1.100 M€ desde o ano 2009 no apoio aos municipios coa construción e mellora de infraestruturas hidráulicas.
 
 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/08/2023