A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta semana os campos de voluntariado da Xunta na comarca da Baixa Limia

A Xunta impulsa o coidado do parque natural do Xurés e fomenta a cultura na Baixa Limia con senllos campos de voluntariado en Muíños e Bande

No campo de voluntariado de Bande os mozos recuperan tradicións, oficios, saberes, lendas e o folclore etnográfico da zona

No concello de Muíños os participantes colaboran na transformación do parque Outeiro de Cela nun entorno de referencia e atractivo

Ourense, 26 de agosto de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, salientou o papel dos campos de voluntariado que pon en marcha a Xunta en Muíños e Bande para impulsar o coidado do Parque Natural do Xurés e divulgar a cultura propia da comarca da Baixa Limia.

 

Cristina Pichel visitou esta semana o campo de voluntariado Saberes de onte e de sempre que se celebra no concello de Bande, onde unha quincena de mozos de 18 a 30 anos realizan actividades etnográficas e culturais que teñen como obxectivo recuperar historias, tradicións, oficios, saberes, lendas e o folclore da zona.

 

Ademais, a directora xeral achegouse á actividade que se desenvolve en Muíños co que a Xunta de Galicia procura converter o parque Outeiro de Cela nun entorno referente e atractivo, cheo de cores e obras de arte para os visitantes que se acheguen.

 

Os participantes deste campo de voluntariado ambiental están a construír hoteis para insectos con pallets vellos e materiais naturais, refuxios e comedeiros para aves, así como a realización de tarefas de limpeza da ruta de sendeirismo Muíños da Torrente.

 

Lecer

Nos campos de voluntariado de Bande e Muíños os participantes poden realizar outras actividades como coñecemento da fauna salvaxe, rutas de sendeirismo, visitas a Aquis Querquennis ou ás termas de Baños, escape room de Couto Mixto ou xincana Bandida entre outras.

 

A campaña de verán deste ano 2023 é a máis ampla da historia, con máis de 11.200 prazas en distintas actividades, pero tamén a máis variada e accesible. Nela ofrécense actividades para todas as idades e gustos como campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos ou intercambios con outras Comunidades. O obxectivo é que a mocidade pase uns días de aprendizaxe e diversión e que os pais conten cun servizo de conciliación para esta época estival.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/08/2023