A Xunta está a ultimar o proxecto para a reconstrución da presa de Ponte Maceira, en Ames e Negreira, cun investimento de preto de 392.000 euros

Este proxecto está xa redactado e actualmente avanza a súa fase de supervisión e tramitación, dando así cumprimento ao compromiso da Xunta con estes municipios

As obras contempladas no proxecto, cun prazo de execución de 5 meses, teñen como obxectivo reparar os danos detectados no corpo da presa

As tarefas inclúen a limpeza e a roza da mampostería da presa, así como a retirada de pezas soltas localizadas

A pantalla será reconstruída con lousas de granito e para mellorar a súa estabilidade disporase a súa ancoraxe ao corpo do encoro con variñas de aceiro

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2023

A Xunta, a través de Augas de Galicia, está a ultimar o proxecto de reconstrución da presa de Ponte Maceira, situada entre os concellos de Ames e Negreira, que suporá un investimento de preto de 392.000 euros.

Este proxecto está xa redactado e actualmente avanza a súa fase de supervisión e tramitación, dando así cumprimento ao compromiso adquirido con estes municipios.

As obras contempladas no proxecto, cun prazo de execución de 5 meses, teñen como obxectivo reparar os danos detectados no corpo da presa.

De xeito máis concreto, as tarefas proxectadas inclúen a limpeza e a roza da mampostería da presa, así como a retirada de pezas soltas localizadas.

Tamén se prevé a execución dunha nova fábrica de reparación con pezas de corte natural, con forma atizonada, granito duro e tons de pedra "do país". Estes elementos colocaranse perpendicularmente á superficie do vertedoiro, encheranse e encaixaranse, coa infiltración dun formigón de consistencia suave.

A pantalla será reconstruída con lousas de granito de 2,50 e 3,00 m. de lonxitude, introducido na canle e tomado o seu pé con formigón en masa.

Co fin de mellorar a estabilidade e a firmeza desta pantalla vertical de lousas, disporase o seu ancoraxe ao corpo do encoro con variñas de aceiro inoxidable, aloxadas con morteiro de cemento.

Data de actualización: 25/08/2023