O conselleiro do Mar participou hoxe na inauguración da II Feira Gastromar Ribeira

As foodtrucks de 'GALICIA SABE AMAR' achegaron xa a calidade dos produtos galegos do mar a preto de 230.000 persoas de toda España

O titular de Mar destaca a importancia das accións de promoción dos peixes e mariscos para impulsar o consumo e fomentar hábitos de vida saudables

O Executivo galego lembra que a este obxectivo contribuiría tamén a rebaixa ou eliminación do IVE destes alimentos, unha demanda que Galicia trasladou en numerosas ocasións ao Goberno central

Alfonso Villares agradece a aposta da Asociación de Empresarios de Ribeira por un evento que permite dar a coñecer ao conxunto da cidadanía recursos clave para a frota local como o lirio, a xarda, o xurelo, a sardiña ou o polbo

Ribeira (A Coruña), 25 de agosto de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe na inauguración da II Feira Gastromar Ribeira, onde salientou a importancia deste tipo de eventos para promocionar os produtos locais do mar. Nesta liña, destacou que as catro foodtrucks da campaña GALICIA SABE AMAR -que percorreron nos últimos meses distintos municipios de España vencellados co Camiño de Santiago e que agora están de volta en Galicia- achegaron xa a calidade e a excelencia dos peixes e mariscos galegos a preto de 230.000 persoas.  

O titular de Mar lembrou que estas accións de posta en valor son fundamentais para promover o consumo destes alimentos e fomentar hábitos de vida saudables. No mesmo sentido, incidiu en que a ese obxectivo tamén contribuirían medidas solicitadas en numerosas ocasións ao Goberno central como a rebaixa ou eliminación do IVE dos produtos do mar, básicos na cesta da compra de moitos consumidores.

Por iso, o representante da Xunta puxo de relevo o papel de feiras como Gastromar pois permiten ao conxunto da cidadanía -tanto veciños como visitantes- coñecer produtos pesqueiros locais da máxima calidade, nutritivos e accesibles para todos os petos como o lirio, a sardiña, o xurelo, a xarda ou o polbo. 

Alfonso Villares, que estivo acompañado polo director de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, agradeceu á Asociación de Empresarios de Ribeira que apostase por este evento gastronómico con marcado carácter mariñeiro e avance na súa consolidación no calendario festivo da comunidade.

Neste sentido, o conselleiro destacou tamén a colaboración doutras entidades como a Sociedade Cooperativa do Mar Santa Uxía, ás confrarías de pescadores de Ribeira, Carreira e Aguiño, á Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) ou dos locais de hostalería de Ribeira pois nestes días de feira contribúen a dinamizar a economía do concello e da súa contorna. 

II Feira Gastromar

Este evento gastronómico -que se celebra entre hoxe e o domingo en horario de 13,00 a 15,15 horas e de 20,00 a 22,15 horas- está organizado pola Asociación de Empresarios de Ribeira e pretende promocionar peixes que perderon valor comercial nos últimos anos como o lirio -que ten marca rexistrada, Lirio de Ribeira-, a sardiña, o xurelo e a xarda. A maiores este ano inclúese o polbo entre as especies a promocionar ao tratarse dunha das máis capturadas pola frota local.

Entre os atractivos da feira, que contará con numerosas degustacións e actividades para todos os públicos, atópase a presenza de tres das catro foodtrucks da campaña GALICIA SABE AMAR, que ofrecerán aos asistentes distintos petiscos elaborados con produtos do mar da comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/08/2023