A Xunta salienta o rol da Festa do Mar de Combarro na difusión da gastronomía e cultura mariñas de Galicia

O conselleiro do Mar participou hoxe na inauguración deste evento que acolle o municipio de Poio ata o vindeiro domingo 27 de agosto

Nestes días unha das foodtrucks da campaña GALICIA SABE AMAR está na praza da Chousa e ofrece aos asistentes petiscos feitos con produtos certificados do mar acompañados doutros da terra con denominación de orixe

Poio (Pontevedra), 24 de agosto de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou hoxe o papel que teñen eventos como a Festa do Mar de Combarro na difusión e posta en valor da gastronomía e do patrimonio vencellados co ámbito marítimo-pesqueiro. Así o expuxo durante a inauguración da XII edición desta celebración que terá lugar ata o domingo 27 de agosto neste lugar do concello de Poio. Alí tamén salientou a implicación e a colaboración de distintos colectivos sociais, culturais e deportivos así como da hostalería local e da veciñanza, o que converte a esta edición na máis participativa que se recorda.

Isto é unha mostra, subliñou o titular de Mar, do gran vínculo que ten Poio, e Combarro en particular, co mar pois esta festa une gastronomía e cultura marítima. De feito, en relación coa cociña, estes días os restaurantes e establecementos ofrecerán menús a base de produtos do mar creados para este evento.

Ademais os asistentes tamén poderán saborear os petiscos feitos con produtos certificados do mar e outros produtos da terra con denominación de orixe que se elaboran nunha das foodtrucks da campaña GALICIA SABE AMAR que está na praza da Chousa. Unha iniciativa da Xunta, lembrou Alfonso Villares, que ao seu remate terá percorrido máis de 250 municipios de toda España vencellados co Camiño de Santiago.

En canto á cultura mariñeira, a Festa do Mar de Combarro inclúe un encontro de embarcacións tradicionais que conta coa colaboración do Club Mariño A Reiboa e varias exposicións. Entre elas, mostras sobre a pesca e embarcacións tradicionais co apoio do Museo do Mar de Galicia; de maquetas de barcos cedidas por Paco o de Arís, veciño de Poio, e tamén relacionadas coa captura do bacallau e o importante labor das mulleres bateeiras, esta última coa colaboración da Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) e da Asociación de Mexilloeiros de Combarro e Raxó (Ameconra).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/08/2023