A Xunta promove a contratación de menores de 30 anos con incentivos de ata preto de 20.000 euros por persoa moza e un investimento de máis de 7,5 M€

O Goberno galego ofrece axudas para a contratación de mozas e mozos tanto con titulación como sen cualificación acreditable, a tempo completo e por un período de doce meses
 

Prevé incorporar entre 500 e 800 persoas en toda Galicia, ás que se lles brinda a oportunidade de acceder a contratos de formación e de recibir cualificación en competencias brandas para mellorar o desempeño dos seus traballos
 

O prazo de solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o próximo 2 de outubro
 

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2023  O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o programa para incentivar a contratación de persoas mozas de menos de 30 anos, mellorando a empregabilidade e a inserción laboral das persoas non ocupadas nesa franxa de idade. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina máis de 7,5 millóns de euros para fomentar -en concreto- contratos formativos de doce meses de duración.  

Así, a Xunta incentivará a inserción laboral de menores de 30 anos por parte de empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens con contías de ata preto de 20.000 euros por persoa. Trátase dun programa mixto, que ademais de impulsar con apoios económicos a contratación a tempo completo, ofrece formación en competencias brandas, unha combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional, moi demandadas polo mercado laboral.

Os contratos formativos están dirixidos sempre a menores de 30 anos que residan en Galicia e que se atopen en situación de desemprego e inscritas no Servizo Público de Emprego. O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto desde mañá ata o próximo 2 de outubro.

A Xunta artellou neste sentido dúas liñas de axuda: a primeira, para contratar mozas e mozos con titulación ou certificación profesional; e a segunda, para brindar unha oportunidade tamén ás rapazas e rapaces que carezan de cualificación profesional recoñecida. En ambos os dous casos, facilitaráselles un período de práctica profesional acompañada dun proceso de formación para o emprego abrindo camiño á súa inserción laboral xa que, unha vez rematado o proceso, contarán coas competencias para poder acceder a un emprego estable.

A Xunta de Galicia pretende chegar con este programa a entre 500 e 800 persoas mozas desempregadas, algo que dependerá do grupo de cotización ao que pertenzan cada unha delas. Coas axudas dáse cobertura aos custos salariais dos postos, con contías que van dos 9.975 aos 16.625 euros segundo ese criterio. A esas cantidades, hai que sumar as destinadas á formación en competencias brandas: 2.000 euros no caso de ser presencial e 1.000 euros en formato de teleformación.    

O programa forma parte do paquete de medidas da Xunta para o fomento do emprego xuvenil, unha aposta prioritaria dotada con máis de 27 millóns de euros neste 2023, e con políticas de emprego deseñadas especificamente para este sector de poboación.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230824/AnuncioG0656-090823-0001_gl.html

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/08/2023