A Xunta reforza a vixilancia do mosquito tigre nos concellos de Moaña, Vigo e Cangas e a amplía de maneira preventiva aos de Bueu e Vilaboa

A Consellería de Sanidade organiza unha xornada de formación a través da Escola Galega de Saúde Pública

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2023

O comité técnico para a abordaxe da aparición do mosquito tigre celebrou, no día de onte, unha nova reunión. Ademais dos intercolutores habituais sumouse ao comité o Concello de Vigo. Esta reunión centrouse en actualizar a información dos distintos compoñentes do comité.

Remarcar que a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade está a reforzar a vixilancia do vector nos concellos de Moaña, Vigo e Cangas. Esta vixilancia vaise ampliar de maneira preventiva aos concellos de Bueu e Vilaboa.

Así mesmo, para reforzar o coñecemento sobre a vixilancia e control do mosquito tigre por parte dos técnicos dos concellos implicados, a Escola Galega de Saúde Pública organizará o vindeiro xoves, día 31, unha formación específica na Xefatura Territorial de Sanidade de Pontevedra, na que participarán expertos en sanidade ambiental, epidemioloxía e entomoloxía.

A próxima reunión do comité volverase a celebrar nun prazo de 15 días.

Data de actualización: 23/08/2023