O conselleiro do Mar participou na inauguración da exposición `Porto da Coruña, unha historia visual’

A Xunta destaca o labor da Autoridade Portuaria da Coruña a prol de achegar os peiraos á cidadanía e mostrar a súa importancia socioeconómica

Alfonso Villares enxalzou a dimensión internacional do peirao herculino, que é un dos grandes centros loxísticos do Atlántico e líder do noroeste peninsular en tráfico de cruceiros

Esta puxanza reflíctese na mostra da que é comisario o xornalista e xestor cultural Rubén Ventureira e que narra a historia do porto desde a súa orixe, na época dos fenicios, ata a actualidade, coa construción do porto exterior de Punta Langosteira

A Coruña, 23 de agosto de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo hoxe en valor o traballo que realiza a Autoridade Portuaria da Coruña para achegar a actividade deste peirao á cidadanía. Así o sinalou durante a inauguración da exposición Porto da Coruña, unha historia visual, promovida pola Autoridade Portuaria da Coruña para mostrar a traxectoria do porto desde a súa orixe e onde estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Nesta liña, Alfonso Villares enxalzou a dimensión internacional desta infraestrutura que é un dos grandes centros loxísticos do Atlántico ao mover mercadorías que se exportan a máis de 50 países e que é líder do noroeste peninsular en tráfico de cruceiros. Todo isto, incidiu, sen perder a proximidade cos habitantes da Coruña, que conta cunha forte identidade portuaria.

De feito, ao longo do tempo o porto desta cidade tivo un importante papel na súa modernización un efecto multiplicador no eido socioeconómico. Neste eido, destacou o valor do sector pesqueiro e o seu vínculo co tráfico mercantil portuario, entre outros aspectos pola súa orientación exportadora. 

Esta puxanza, engadiu o conselleiro, amosa a importancia fundamental desta infraestrutura para a cidade herculina e para Galicia e vese tamén reflectida no porto exterior, arredor do que se desenvolven proxectos como Green Port, co que a Autoridade Portuaria da Coruña está a realizar importantes accións en eidos como o dos combustibles verdes -hidróxeno ou amoníaco- e a fabricación de compoñentes de eólica mariña para a súa exportación.

Todo este potencial aparece recollido na exposición Porto da Coruña, unha historia visual da que é comisario o xornalista e xestor cultural Rubén Ventureira e que dá conta do impacto do porto da Coruña na contorna metropolitana. Neste sentido, o conselleiro do Mar felicitou á Autoridade Portuaria e a Rubén Ventureira por este traballo que achega máis o porto á cidadanía.

A mostra

A exposición Porto da Coruña, Unha historia visual distribúese en 20 paneis por dous contedores portuarios abertos. Neles altérnanse textos en castelán e galego que narran a historia do peirao desde a súa orixe, na época dos fenicios, ata a actualidade, coa construción do porto exterior de Punta Langosteira.

Deste xeito busca mostrar a importancia que tivo esta infraestrutura ao longo dos séculos como protagonista de acontecementos de carácter mundial e a súa contribución decisiva ao desenvolvemento da cidade. Entre os acontecementos que recolle esta mostra están a chegada de peregrinos procedentes do norte de Europa ao porto na Idade Media, a expedición Balmis-Zendal, a saída de emigrantes a América, a expedición Humboldt, a creación dos correos marítimos coas colonias americanas ou o desenvolvemento do porto coa construción dos novos peiraos.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 23/08/2023