O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá as obras de recuperación de varias fontes e o seu entorno no concello de Riós

Gabriel Alén destaca a achega de case 1,3 M€ da xunta a 43 concellos da provincia de Ourense ao abeiro da orde de infraestruturas turísticas

Gabriel Alén lembrou que a Xunta destina nesta nova edición 3 millóns de euros (1 M€ en 2022) a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora nas súas infraestruturas turísticas

Esta orde financia tamén a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional

O delegado territorial supervisou as obras de recuperación de varias fontes e o seu entorno nas que a Axencia Turismo de Galicia inviste máis de 25.000 euros na súa rehabilitación
 

Ourense, 23 de agosto de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, subliñou a aportación do Goberno galego de preto de 1,3 M€ a 43 concellos da provincia de Ourense de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora nas súas infraestruturas turísticas.

Así o fixo esta mañá no concello de Riós, a onde se desprazou para, da man da súa alcaldesa, Eva Barrio, supervisar as obras de recuperación de varias fontes e o seu entorno nas que a Axencia Turismo de Galicia inviste máis de 25.000 euros na súa rehabilitación ao abeiro das achegas da orde de Infraestruturas Turísticas.

O delegado territorial destacou que estas actuacións son unha mostra máis da aposta transversal da Xunta de Galicia polo turismo, “xa que actuamos en cuestións estratéxicas e de calado e tamén naquelas máis sinxelas, pero que contribúen ao embelecemento e que son moi valoradas polos visitantes”. Proba diso, quixo lembrar o delegado o remate da rehabilitación do albergue de peregrinos de Fumaces, “un espazo que se renovou cunha subvención de 262.263 euros cofinanciado polo Goberno galego, a través de Turismo de Galicia”.

Gabriel Alén subliñou que a Xunta destina nesta nova edición 3 millóns de euros (1 M€ en 2022) a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora nas súas infraestruturas turísticas. A orde ten como obxectivo fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos destes municipios para consolidar a oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Esta orde procura a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional. Ademais, apoia a mellora da accesibilidade a estes recursos coa eliminación de barreiras arquitectónicas e da súa sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna.

As actuacións

No núcleo de Castrelo de Cima existe unha fonte/mina que fornece aos veciños de auga que nace nas inmediacións do núcleo e que mantén caudal mesmo en época estival. É por iso que os veciños teñen especial interese na súa conservación, ademais que serve como punto de reunión e encontro onde as charlas e a convivencia dos veciños está garantida.

Esta fonte foi co paso dos anos obxecto de pequenas actuacións que foron liquidando inconvenientes e problemas que xurdiron para a súa utilización, pero agora trabállase na recuperación e renovación integral que permita un cambio integral á zona.

No núcleo da Trepa existe unha fonte/mina cun lavadoiro lateral que está oculto entre a maleza e a deterioración dos muros lindeiros de pedra, este tipo de elementos sempre foron puntos de reunión, faladoiros e charlas entre veciños, polo que se están a desenvolver actuacións para recuperar na medida dos posible a fonte/mina e o lavadoiro, adecuando a contorna para sexa un sitio de encontro.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/08/2023