A Xunta finalizará a mediados de setembro as obras de execución da nova senda entre Peteiro e O Baño, no concello de Mugardos

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá os traballos que permitirán habilitar un itinerario de case 600 metros pola marxe dereita da AC-131, desde o final das beirarrúas actuais ata a vía urbana de acceso ao Baño

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu preto de 535.000 euros nesta intervención coa que se pretende mellorar a seguridade viaria da zona e potenciar unha contorna de gran valor natural e interese turístico
 

Mugardos (A Coruña), 23 de agosto de 2023

A Xunta avanza na execución das obras da nova senda entre Peteiro e O Baño, no concello de Mugardos, que estarán concluídas a mediados de setembro. A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde da localidade, Juan Domingo de Deus Fonticoba, supervisou esta mañá os traballos que se están a acometer pola marxe dereita da estrada autonómica AC-131, entre os puntos quilométricos 0+430 e 1+000.

Trátase dun tramo de 600 metros, desde onde finalizan as beirarrúas actuais ata a vía urbana de acceso ao Baño, onde se está a habilitar un itinerario que terá un ancho de 2,5 metros, agás no primeiro tramo, onde disporá dunha anchura de 1,25 metros para salvar os peches existentes.

“Dado que nos treitos anteriores e posteriores existen beirarrúas na actualidade, o obxectivo que persegue esta intervención é o de darlle continuidade ao itinerario peonil”, explicou Aneiros, “permitindo unir os dous tramos existentes, dotando a peóns e ciclistas dun espazo para a súa circulación con todas as garantías de seguridade”. Ademais a intervención contribuirá a potenciar unha contorna de gran valor natural e interese turístico, como é a praia da Bestarruza, a baía do Baño e o castelo da Palma.

Os traballos executados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, céntranse estes días na finalización dos muros de escollera, tal e como puido comprobar a delegada durante a visita na que estivo acompañada por técnicos da consellería e da empresa construtora. Executáronse ademais varios muros de mampostería para evitar a afección a unha vivenda e para reducir a altura do terraplén que presenta o terreo.

Quedarían por executar estas semanas a instalación da varanda metálica e balizas LED, así como a colocación dos bancos na pequena zona de esparcemento habilitada á metade do itinerario.

Esta actuación, que conta cun investimento de preto de 535.000 euros, está financiada con fondos FEDER-REACT-UE como parte da resposta da unión á pandemia da COVID-19 dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/08/2023