O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, presidiu hoxe unha nova reunión da Oficina Técnica da Seca, na que participan Protección Civil, Meteogalicia, a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Sanidade

A Xunta activa a prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Grande, en Camariñas

A Oficina Técnica da Seca acorda manter tamén a situación de prealerta ou escaseza moderada nos sistemas do río Anllóns, río Mero, Arteixo e ría da Coruña

Tamén continúa activo o estado de seca prolongada nos sistemas das concas que van desde o río Mero a Ferrol e desde o río Mera á ría de Ribadeo

Proseguirá a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta por escaseza no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, Ría de Vigo e Ría de Baiona

A situación de prealerta por escaseza implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten

O resto dos sistemas de abastecemento da demarcación Galicia-Costa presentan niveis de normalidade, cunha ocupación actual dos encoros do 75,05%, 2,05 puntos por enriba do rexistro do mesmo período en 2022
 

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2023


A Xunta activa a prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Grande, en Camariñas.

O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, presidiu esta mañá unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, integrada polos técnicos de Augas de Galicia e representantes de Protección Civil, Meteogalicia, a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Sanidade.

No encontro avaliouse a situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas de Galicia-Costa. Constatouse que tras un mes de xullo con escasas chuvias, rexistráronse precipitacións o venres e o sábado pasados, pero o tempo seco volve predominar esta semana e prevese que continúe nas vindeiras semanas.
 
Unha vez avaliados estes datos, a Oficina Técnica da Seca tamén acordou hoxe manter a situación de prealerta ou escaseza moderada nos sistemas do río Anllóns, río Mero, Arteixo e ría da Coruña.
 

Tamén continúa activa a situación de seca prolongada nos sistemas das concas que van desde o río Mero a Ferrol e desde o río Mera á ría de Ribadeo.

Ademais proseguirá a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta por escaseza no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, Ría de Vigo e Ría de Baiona, desde o cal se abastece o concello de Baiona.
 
A situación de prealerta por escaseza implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais prevense medidas de concienciación da cidadanía.
 
A situación do resto dos sistemas de abastecemento da demarcación de competencia autonómica, presenta niveis de normalidade, xa que a ocupación actual dos encoros de abastecemento de Galicia-Costa é do 75,05%, 2,05 puntos por enriba da ocupación do mesmo período para o ano 2022.

Anticipación e prevención

A Xunta, a través deste seguimento, traballa para acadar a anticipación ou a adopción de medidas ante un posible episodio futuro de escaseza de auga, así como a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable.

O Goberno galego reitera aos concellos a necesidade de adoptar as medidas que consideren oportunas, dentro do seu ámbito de competencia, e levar a cabo un labor de concienciación cidadá e un control axeitado dos usos da auga que se realicen no seu municipio.

Cómpre levar a cabo un consumo responsable da auga, evitando malgastala a través da restrición de regas, a limitación do enchido de piscinas ou a reutilización da auga sempre que sexa posible.

Imaxes relacionadas

Documentos relacionados

Data de actualización: 23/08/2023