Emigración potencia a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno cun servizo de atención fiscal básico

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou a sede situada na capital galega onde destacou a aposta da Xunta polo retorno coa ampliación dos técnicos destinados a apoiar aos galegos do exterior nos eidos laboral, social, xurídico e tributario na súa volta a Galicia

Recordou que a administración autonómica conta con cinco sedes situadas en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo

A nivel galego, superáronse os 15.000 retornados atendidos dende a súa posta en marcha en 2020 e a resposta a máis de 50.000 consultas, tanto persoais como telefónicas e telemáticas
 

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2023

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou esta mañá a sede en Santiago de Compostela da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno situada en San Lázaro, onde xa foron atendidas, dende a apertura deste servizo, en 2020, un total de case 28.000 consultas de galegos do exterior no seu regreso a Galicia. Durante esta visita, o responsable do departamento autonómico destacou que a Xunta potencia esta oficina cun servizo fiscal e tributario básico. 

Miranda destacou a labor destas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno no acompañamento e axuda aos galegos do exterior que decidiron retornar a Galicia e comezar unha nova vida.  “Trátase do punto de referencia esencial de todo o traballo da Estratexia Galicia Retorna que acabamos de ampliar cun segundo periodo ata 2026. Deste xeito, non só potenciamos os servizos, ampliando os programas de apoio ao retorno, senón tamén agora os servizos que, como a Oficina Integral ao Retorno, permiten garantir un regreso máis sinxelo e axeitado dos galegos que apostan pola nosa sociedade para o seu futuro”, engadiu o secretario xeral.

O responsable de Emigración destacou a aposta da Xunta de Galicia polo retorno, coa ampliación dos técnicos destinados a apoiar aos galegos do exterior nos eidos laboral, social, xurídico, e agora, en particular, fiscal e tributario na súa volta á comunidade autónoma, e recordou que existe unha delegación desta oficina en Lugo, A Coruña, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela.

Estas oficinas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal técnico, xurídico e social especializado que se encarga de informar e asesorar aos galegos do exterior cara a favorecer o retorno, así como de acompañar aos galegos retornados e aos seus familiares. Entre as súas labores atópase atender as dúbidas en relación as diferentes tramitacións burocráticas que se deben realizar ao regresar a Galicia, así como dar traslado tamén dos programas e axudas cos que poden contar nesta volta á comunidade autónoma. Tamén comunican os temas relacionados con educación, formación, laboral e social, e mesmo, no caso dos familiares con outra nacionalidade, tamén asesoran de xeito básico no eido da estranxeiría, ofrecendo apoio continuo, tanto presencial coma telemático.

Dende o comezo do seu funcionamento, como parte da Estratexia Galicia Retorna, as cinco oficinas integrais das catro provincias asesoraron a máis de 15.000 familias interesadas en coñecer as liñas de apoio coas que a Xunta de Galicia conta para axudarlles a consolidar o seu regreso, así como os canais existentes para homologar estudos, facilitar a tramitación da documentación persoal e a presentación de solicitudes de subvencións e prestacións.

Así, en total, atendéronse ata o momento, dende a posta en marcha da oficina en 2020, máis de 50.000 consultas, relacionadas con temas educativos (escolarización de menores, formación regrada, formación para o emprego, homologación de estudos...); sociais como asistencia sanitaria, autorizacións de residencia, axudas económicas, prestacións ou vivenda; ou laborais como información acerca do emprego por conta allea ou axudas ao autoemprego. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/08/2023