Continua aberta a convocatoria de Fábrica Intelixente e Sustentable para apoiar proxectos de I+D+i estratéxicos para o tecido industrial galego

Dotada con 24 millóns de euros, prevé mobilizar 70 millóns no desenvolvemento de proxectos ata 2026 que permitan seguir avanzando na transición industrial

Santiago, 22 de agosto de 2023

 
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Consellería de Economía, Industria e Innovación, mantén aberto o prazo da quinta edición da convocatoria do programa Fábrica Intelixente e Sustentable. Unha liña de axudas dirixida a apoiar iniciativas empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego e que se centren no desenvolvemento de tecnoloxías dixitais e verdes que serán fundamentais para acadar un modelo produtivo máis innovador. As solicitudes poderán presentarse ata vindeiro 2 de outubro.

Dotada con 24 millóns de euros, esta nova convocatoria prevé mobilizar 70 millóns para apoiar o desenvolvemento de proxectos ata 2026 que permitan seguir avanzando nun cambio de modelo sustentado na competitividade e no coñecemento incrementando a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial galega.

Así as cousas, as axudas teñen unha intensidade de entre o 15 e o 60% segundo o tipo de entidade e proxecto e diríxense tanto a pemes como a grandes empresas, así como a organismos de investigación que desenvolvan un proxecto de I+D en colaboración cunha ou varias compañías. Apoiaranse tanto proxectos de I+D, como iniciativas de innovación en materia de procesos ou organización - tanto individuais como en cooperación-.

A duración dos proxectos é de catro anualidades -estenderase ata o 30 de setembro de 2026- e o orzamento dos proxectos, entre os 2 e os 25 millóns de euros. Entre as novidades desta edición atópanse o incremento nos custes indirectos do 10 ao 15% e inclúe novos custes subvencionables como o derivado do informe de valoración do cumprimento do principio de non causar dano significativo ao medio ambiente e da contratación dun plan de comunicación e difusión do proxecto.

Esta liña de axudas inscríbese no reto de impulsar un novo modelo industrial en Galicia baseado na innovación e nas prioridades europeas da dixitalización e a transición verde, prioridades recollidas na nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia. Entre os seus obxectivos, atópanse estimular que as empresas leven a cabo a súa I+D+i en Galicia, actuar como elemento tractor na mobilización e atracción de capital privado, impulsar a competitividade do noso tecido empresarial e favorecer a cooperación entre organismos de investigación e tecido produtivo.

Nas edicións anteriores apoiáronse un total de 24 proxectos -con 62 beneficiarios, 15 deles centros tecnolóxicos- cunha mobilización de ao redor de 270M€. As axudas desta convocatoria son susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea no marco do programa Feder Galicia 2021-2027.

Data de actualización: 22/08/2023