Máis de 300 persoas obtiveron no primeiro semestre deste ano a habilitación como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas

A Academia Galega de Seguridade Pública acolleu cada mes un curso de 6 horas co obxectivo de adaptarse aos requisitos esixidos no novo decreto de 2021 que regula as funcións que deben cumprir os controladores de acceso

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2023

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) realizou entre xaneiro e xullo deste ano 7 edicións da formación destinada á capacitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas. En total, 304 persoas superaron estes cursos mensuais levados a cabo durante o primeiro semestre e recibiron a habilitación que solicitaron e que precisan para realizar as funcións de persoal de control de acceso. Ademais, xa se están a tramitar as solicitudes das persoas inscritas no último curso celebrado en xullo.

Ao igual que o ano pasado, segundo o calendario previsto, a previsión é levar a cabo 11 cursos neste exercicio, un cada mes agás en agosto. De feito, a seguinte edición será o próximo 23 de setembro, polo que as persoas interesadas xa poden inscribirse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal).

Cando se acade un número mínimo de 20 solicitudes, a Agasp programa a súa realización e publica na súa páxina web a listaxe de persoas admitidas e as excluídas en cada curso que se organice e, ademais, as persoas interesadas recibirán un correo electrónico e unha mensaxe de texto, indicándolles toda a información relativa ao curso.

Trátase de cursos de 6 horas impartidos na AGASP de configuración moi práctica sobre os conceptos básicos que o alumnado precisa no desenvolvemento das súas funcións. Co obxectivo de solicitar a correspondente habilitación da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior é necesario superar igualmente unha proba de coñecementos, pero cos cursos mensuais de 6 horas o proceso acúrtase respecto ás probas anuais anteriores á aprobación do Decreto 48/2021, que derrogou o que estaba vixente desde 2010.

O Goberno galego contribuíu co novo decreto a unha regulación dos requisitos que debe cumprir o persoal de acceso máis práctica e adaptada á realidade e á normativa actual. Deste xeito, preténdese simplificar e axilizar os procesos tanto para a obtención como para a renovación da habilitación reformulando o temario da proba de coñecemento. O temario destes cursos inclúe contidos como a normativa de xogo, as medidas de seguridade e os horarios nos establecementos abertos ao público ou o réxime xurídico das persoas menores de idade.

A Xunta actualizou en varias ocasións a normativa nesta materia. De feito, antes de 2009 non existía ningunha norma propia que regulase o exercicio da actividade de control de acceso. Co Decreto 8/2010 superouse ese baleiro normativo autonómico e, por ende, a inseguridade xurídica. Nesta liña, deuse un paso máis sete anos máis tarde coa creación dun soporte xurídico de máximo nivel, a Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Unha norma na que, precisamente, se esixía dispoñer de persoal habilitado no servizo de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

Por último, no último decreto aprobado en 2021 simplificouse e axilizouse o procedemento para obter a habilitación ao substituír a convocatoria anual polos actuais de cursos de formación, ademais de reformular o temario tendo en conta, por exemplo, as especificidades dos establecementos de xogo.

Entre as funcións do persoal de acceso, atópanse as de controlar a entrada das persoas ao establecemento, comprobar a súa idade e identidade, controlar a adquisición da entrada ou localidade, supervisar que non se exceda a capacidade máxima autorizada, vixiar que as bebidas non sexan sacadas do local, prohibir o acceso fóra do horario de peche, e incluso, se fose necesario, auxiliar as persoas que se encontren feridas e chamar ao teléfono de emerxencias correspondente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/08/2023