A delegada territorial, Martina Aneiros, visitou esta mañá aos participantes do programa Cabanas Concilia que se desenvolve no CEIP Plurilingüe Eladia Mariño

A Xunta destina preto de 184.000 euros a apoiar a conciliación e fomentar a corresponsabilidade en nove municipios de Ferrol, Eume e Ortegal

Un total de 15 nenas e nenos participan nesta quenda do programa que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto durante períodos de 15 días

Xunto á do Concello de Cabanas a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financia este ano a través do Plan Corresponsables no ámbito local iniciativas de conciliación promovidas polos concellos de Ortigueira, Moeche, Valdoviño, Narón, As Pontes, Mugardos, Cariño e Pontedeume

Cabanas (A Coruña), 22 de agosto de 2023

A Xunta destina este ano 183.852 euros en axudas a entidades locais para apoiar a conciliación e fomentar a corresponsabilidade en nove municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá, acompañada do alcalde de Cabanas, Fernando Couce, aos 15 participantes no programa Cabanas Concilia, unha das iniciativas municipais para favorecer a conciliación que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financia nesta área este ano a través do Plan Corresponsables no ámbito local.

Tal e como avanzou a delegada, que estivo tamén acompañada polo xefe territorial da consellería, Pablo Lorenzo, o Concello organiza obradoiros de verán quincenais ao longo dos meses de xullo e agosto que se desenvolven tanto nas instalacións do CEIP Plurilingüe Eladia Mariño, como é o caso da xornada de hoxe, como na antiga parada do tren do municipio.

Durante as xornadas os pequenos de ata 16 anos levan a cabo actividades de multideporte, psicomotricidade, obradoiros creativos, xogos populares e na natureza dende un enfoque socioeducativo e con perspectiva de xénero.

“A través de programas como este a Xunta favorece a conciliación como camiño para a consecución da igualdade real e coa fin de facilitar que calquera persoa traballadora poida facer un uso equilibrado dos seus tempos e velar así polo coidado da familia”, indicou Aneiros.

Xunto á do Concello de Cabanas, a Xunta financia este ano a través do Plan Corresponsables no ámbito local iniciativas de conciliación promovidas polos concellos de Ortigueira, Moeche, Valdoviño, Narón, As Pontes, Mugardos, Cariño e Pontedeume.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/08/2023