A Xunta financia actividades de animación sociodeportiva da Federacion Galega de Fútbol en Narón ao abeiro do Plan Corresponsables

As actividades para nenas e nenos de entre 6 e 16 anos lévanse a cabo entre os meses de agosto e novembro no campo de Río Seco e no pavillón das Lagoas e estarán impartidas por técnicos titulados na modalidade de fútbol e na especialidade de fútbol sala
 

Este plan, que conta cun orzamento próximo aos 2,8 M€, promove a conciliación ao habilitar servizos de coidado profesional ao tempo que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova
 

Narón (A Coruña), 22 de agosto de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación do Plan Corresponsables, un programa froito da colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte que financia a federacións deportivas galegas para a realización de actividades de animación sociodeportiva.

Este ano foron 14 as federacións deportivas galegas beneficiarias das axudas deste plan que, tal e como salientou Aneiros durante a súa intervención, contou cun orzamento total próximo aos 2,8 millóns de euros. Unha delas, a Real Federación Galega de Fútbol beneficiaria dunha achega de 114.540 euros, levará a cabo actividades sociodeportivas gratuítas para nenos de entre 6 e 16 anos a través do fútbol campo e do fútbol sala en sete concellos en toda Galicia, tres deles (Ferrol, Narón e As Pontes) nesta bisbarra.

A programación en Narón, presentada esta mañá, desenvolverase durante as tardes dos meses de agosto, setembro, outubro e novembro no campo de fútbol de Río Seco e no pavillón das Lagoas e estará impartida por técnicos titulados. As familias interesadas poden realizar as súas inscricións a través do correo: corresponsables@futgal.es.

O Plan Corresponsables promove a conciliación e a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos menores ao cargo, ao habilitar servizos de coidado profesional con actividades de animación sociodeportivas para nenos de ata 16 anos de idade”, indicou Aneiros, “á vez que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova, achegando distintas modalidades e favorecendo a convivencia e o xogo”.

A delegada territorial puxo en valor “o compromiso da Xunta coa mellora da calidade de vida a través da práctica deportiva e con propostas de conciliación que, neste caso, tamén permiten o equilibrio entre o tempo laboral, familiar e persoal” e mostrou o seu convencemento de que a conciliación “é o mellora camiño para acadar a igualdade real”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/08/2023