A Xunta destina preto de 3,5 M€ ás axudas para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos no mercado interior

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da segunda convocatoria destas subvencións na que establecen as bases reguladoras

Con esta nova convocatoria, amplíase a dotación orzamentaria destas achegas en 1 millón de euros para este 2023

Isto permitirá financiar as campañas de promoción que se desenvolvan no Nadal, época de elevado consumo de produtos alimentarios de calidade
 

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución  da segunda convocatoria das axudas da Consellería do Medio Rural para o apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de produtores no mercado interior correspondentes ao 2023, cuxa dotación é de 1 millón e de euros. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Deste xeito, con esa segunda convocatoria anual amplíase a dotación orzamentaria destas achegas ata preto dos 3,5 millóns de euros para este 2023. A primeira convocatoria saíu por un importe total de 2.446.736 €, cubrindo as accións promocionais a realizar durante os tres primeiros trimestres de 2023.

Esta nova ampliación permitirá financiar as campañas de promoción que se desenvolvan no Nadal, época de elevado consumo de produtos alimentarios de calidade, e dará continuidade ás accións promocionais iniciadas neste ano, cubrindo así o período do cuarto trimestre do ano 2023 e o primeiro mes do ano 2024.

Con estas axudas os consellos reguladores e asociacións de produtores poden afrontar as campañas de promoción, que inclúen a publicidade en todo tipo de medios; os obxectos promocionais; as degustacións; as misións comerciais; a asistencia a feiras galegas, nacionais e internacionais; a organización das feiras propias, maioritariamente adicadas os viños das distintas denominacións de orixe; e a realización de estudos de mercados ou xornadas formativas promocionais, entre outras accións.

O porcentaxe de axuda sobre os investimentos pode acadar o 70%, sendo incompatibles neste caso con outras axudas concedidas para os mesmos conceptos se superan ese límite. Os interesados teñen un mes dende mañá, día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para solicitar estas achegas.

Enlace á resolución no DOG:

Data de actualización: 21/08/2023