A Xunta licita por preto de 800.000 euros as obras para mellorar a eficiencia enerxética do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia

Esta semana remata o prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas na obra, que se enmarca no Programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos (Pirep) e estará cofinanciada con fondos propios e da Unión Europea

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia licitou por preto de 800.000 euros —concretamente 781.810,52 euros, IVE incluído— as obras de mellora da envolvente térmica e eficiencia enerxética do edificio do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, con sede na Coruña, e cuxas principais funcións son a vixilancia e control das emisións á atmosfera e a análise do estado químico das augas naturais.

O obxectivo desta actuación é reducir o consumo de enerxía primaria non renovable das instalacións, deseñadas hai 30 anos, e incluír á vez as novas tecnoloxías no desenvolvemento e aplicación do seu aforro enerxético.

A tal fin, as obras consistirán na optimización da calefacción, instalación de luminarias, substitución da carpintería exterior, renovación das ventás ou cambio das cubertas, entre outras medidas coas que se deberá lograr unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable de, como mínimo, un 30%. As empresas interesadas no contrato teñen de prazo ata finais desta semana para poder presentar as súas ofertas.

Cómpre subliñar que esta actuación se executa no marco do Programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos (Pirep), cofinanciado con fondos europeos do Next Generation e achegas propias da Xunta. Así, a maiores da intervención prevista no laboratorio, o Pirep inclúe en Galicia actuacións sobre outros 25 edificios públicos, entre eles, 3 inmobles propiedade da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, organismo encargado de xestionar estas subvencións.

Concretamente, trátase do centro de interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, en Lobios; o Centro de recepción de visitantes do Parque Natural O Invernadeiro, en Vilariño de Conso; e o edificio administrativo da Vicepresidencia Segunda, situado no barrio compostelán de San Lázaro. En total, está previsto mobilizar nestas 26 actuacións uns 40 millóns de euros, 13 dos cales serán financiados pola Xunta.

Data de actualización: 21/08/2023