Remata a exposición Iacobus Gaudet no Museo de Arte Sacro de Querétaro en México con gran afluencia de público

A exposición baséase na creación artística do fotógrafo galego, Manuel Valcárcel, que percorreu as rutas do Camiños de Santiago para captar a experiencia da peregrinación en 45 fotografías e un vídeo

A exposición foi levada a cabo coa colaboración da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de México D.F. e da Oficina de Turespaña en México

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2023.-  A exposición Iacobus Gaudet vén de rematar a súa estadía no Museo de Arte Sacra de Querétaro (México), onde estivo dende o 17 de maio. A exposición foi levada a cabo en colaboración coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de México D.F. e da Oficina de Turespaña en México.

A exposición, comisariada por Francisco Singul, baséase nunha creación artística do fotógrafo galego, Manuel Valcárcel, que percorreu as distintas rutas do Camiño de Santiago para captar a experiencia da peregrinación en 45 fotografías e un vídeo.

A través desta exposición audiovisual exprésase a alegría dos peregrinos ao chegar á terra do Apóstolo Santiago, tal e como plasma a mirada de Manuel Valcárcel,  que reflicte a peregrinación como unha experiencia única, nun espazo aberto e acolledor. Esta exposición mostra unha terra que ofrece unha experiencia gratificante por un percorrido singular e a través dunha peregrinación viva e intensa.

Con anterioridade, esta exposición puido visitarse con motivo do Xacobeo 21-22 no patio central do Casino Español de México D.F., durante o mes de maio de 2022 e no hotel Costa Galana de Río da Prata (Arxentina), grazas ao labor da Delegación da Xunta de Galicia en Arxentina. Tamén estivo presente en Brasil, concretamente no Instituto Cervantes de Sao Paulo, e está previsto que a exposición continúe visitando outras sedes de América Latina durante 2024.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/08/2023