A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda foi nomeada hoxe Dona da Orde da Ameixa no marco da XXVIII edición desta festa

Ángeles Vázquez resalta a calidade da ameixa de Carril e agradece a “honra” de converterse nunha das súas embaixadoras

Durante o acto conmemorativo, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica entregou os premios Ameixa de Ouro e Ameixa de Prata ademais de distinguir ao Parquista xoven, ao Parquista de honra e ás novas donas e cabaleiros

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 20 de agosto de 2023 A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, resaltou hoxe a excelente calidade da ameixa de Carril, un produto recoñecido en todo o mundo e que se cría desde hai máis de medio século nesta parroquia do municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa.

No marco dos actos conmemorativos organizados esta mañá con motivo da XXVIII Festa da Ameixa, Vázquez Mejuto foi nomeada Dona da Orde da Ameixa, distinción que considerou unha auténtica “honra” xa que lle permitirá exercer de embaixadora dos bivalvos desta zona dentro e fóra de Galicia, contribuíndo así a dar a coñecer un dos grandes referentes do marisco galego.

Neste sentido, a vicepresidenta puxo en valor tamén o esforzo e a dedicación de todas as xeracións de parquistas, mariscadoras e mariscadores que desde hai séculos traballan a ría de Arousa para extraer das súas augas “as mellores ameixas do mundo”, unha contorna natural, recordou, que destaca polo seu incalculable valor medioambiental e na que se localiza Cortegada, un dos catro arquipélagos que compoñen o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

“Temos gastronomía, temos paisaxe, temos natureza e temos a hospitalidade das nosas xentes para acoller coas mans abertas a todos os que nos queiran visitar”, resumiu Ángeles Vázquez, que animou a veciños e visitantes a gozar da Festa da Ameixa.

A lectura do pregón correu a cargo do cómico galego Víctor Fábregas e, a continuación, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, que exerceu durante todo o acto o papel de Gran Mestre da Orde da Ameixa, fixo entrega dos premios Ameixa de Ouro e Ameixa de Prata 2023, así como dos distintivos Parquista xoven e Parquista de honra, que este ano recaeron en Pío González e Marcial Nogueira, respectivamente.

Así mesmo, nesta edición acompañaron á vicepresidenta segunda como novos membros da Orde da Ameixa Raquel Lijó, José Gallardo e José Pepe Ruíz, que xuraron o cargo como donas e cabaleiros e recibiron as súas correspondentes distincións.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/08/2023