Diego Calvo destaca a relevancia de Galicia no automobilismo con probas como o Rally de Ferrol

O vicepresidente primeiro da Xunta participou hoxe na cerimonia de entrega de premios da 54ª edición da competición organizada pola Escudaría Automobilística Ferrol

Destacou o compromiso da Xunta co deporte do motor mediante a colaboración neste tipo de probas e o apoio ao traballo da Federación Galega de Automobilismo

Lembrou que eventos como o rally desta fin de semana ou o Abanca Pantin Classic Galicia Pro de surf de finais de mes sitúan á comarca ferrolá como destino idóneo para acoller eventos deportivos de primeiro nivel

Ferrol, 20 de agosto de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na cerimonia de entrega dos premios do 54º Rally de Ferrol, puntuable para o Campionato galego de rallys de asfalto. 

Segundo Diego Calvo, este rally contribúe a aumentar a afección ao mundo do motor na cidade e na comarca ferrolá e, ao mesmo tempo, que constata o peso de Galicia como escenario para acoller probas de automobilismo de relevancia.

Durante esta fin de semana, o rally de Ferrol contou cun percorrido de case 103 quilómetros cronometrados en sete tramos pola cidade ferrolá e os concellos de As Somozas, San Sadurniño, Irixoa e Monfero. Para o vicepresidente primeiro trátase dunha cita consolidada desde 1970 grazas á organización por parte da Escudería Automobilística Ferrol, a colaboración das institucións e o traballo das forzas e corpos de seguridade e os servizos de emerxencias que garanten o éxito da proba en cada edición.

A Xunta colabora un ano máis na organización desta competición o que, como apuntou Diego Calvo, demostra o compromiso do Goberno galego co automobilismo. De feito, o apoio á Federación Galega de Automobilismo supera este ano os 352.000 euros en axudas a eventos deportivos, equipamento e becas a deportistas. O investimento realizado desde 2009 supera os 3 millóns de euros. 

O Goberno galego incide na capacidade da carreira para axudar a transmitir os valores do deporte do motor e, ao mesmo tempo, situar Ferrol como destino idóneo para acoller eventos deportivos de primeiro nivel que contribúen á dinamización económica da contorna. Ademais, o rally de Ferrol constitúe un escaparate perfecto para a promoción turística da comarca ferrolá e, en xeral, de Galicia como destino turístico.

Nesta liña, lembrou que nunha semana -do 26 de agosto ao 3 de setembro- a comarca de Ferrol volverá situarse como referencia internacional no eido deportivo, neste caso para os profesionais e afeccionados do surf, co Abanca Pantin Classic Galicia Pro 2023 na praia de Pantín de Valdoviño.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/08/2023