A Xunta apoia a contratación de 15 estudantes en empresas e centros tecnolóxicos nos que desenvolverán a súa tese doutoral

As Consellerías de Economía, Industria e Innovación e de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades acaban de convocar a terceira edición do programa de Doutoramentos Industriais

Dotado con preto de 1,9 M€, o programa permite o desenvolvemento da tese doutoral nunha contorna empresarial, favorecendo a investigación colaborativa e a transferencia de coñecemento

Este programa, que permitiu a contratación de 30 persoas doutorandas en edicións anteriores, ten aberto o prazo de solicitude entre o 18 de agosto e o 18 de setembro

Santiago, 20 de agosto de 2023 A Xunta de Galicia vén de convocar as axudas da terceira edición do programa de Doutoramentos Industriais, co que se buscar apoiar a contratación de 15 estudantes do sistema universitario galego en empresas e centros tecnolóxicos con domicilio social ou centro de traballo en Galicia nos que desenvolverán a súa tese doutoral. O prazo de presentación de solicitudes comezou o venres 18 de agosto e pecha o luns 18 de setembro e será presentada pola empresa ou o centro tecnolóxico de acordo cunha universidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Dotada con preto de 1,9 M€, esta iniciativa está promovida polas Consellerías de Economía, Industria e Innovación e a de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Permite deseñar e realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial, orientando o proxecto de investigación á resolución das necesidades e problemas dunha empresa ou centro tecnolóxico, en colaboración coa Universidade. A empresa ou o centro tecnolóxico solicitante proporá o proxecto de investigación industrial e a persoa doutoranda candidata, así como o compromiso de colaboración da universidade.

Deste xeito, o programa favorece a investigación colaborativa entre unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía e a universidade, promovendo a formación de mozos e mozas investigadores no marco de proxectos de interese empresarial e favorecendo a súa posible inserción laboral unha vez que remate a axuda.

Os participantes deberán matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade do Sistema Universitario Galego (SUG) e ter unha persoa directora de tese vinculada ao programa. As axudas inclúen tanto os custos de contratación, gastos relacionados co proxecto no ámbito da empresa ou centro tecnolóxico e apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro, como gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto no ámbito da universidade e o custo da matrícula.

Este programa, que xa permitiu a contratación de 30 persoas nas dúas anteriores edicións, complétase con outras medidas postas en marcha polo Goberno galego co obxectivo de captar talento e crear emprego de calidade no eido da investigación como Talento Sénior, Principia, Oportunius, Ignicia, os programas de apoio predoutoral e posdoutoral e Investigo.

Para difundir a convocatoria están a desenvolverse xornadas online en colaboración coas tres universidades do SUG. A vindeira sesión será o 8 de setembro en colaboración coa Universidade da Coruña, o pasado 28 de xuño celebrouse a presentación coa Universidade de Vigo e está pendente de data a xornada coa Universidade de Santiago de Compostela.

 

Data de actualización: 20/08/2023