A Xunta e o Concello de Lalín levan a cabo estas obras que rematarán antes do inicio do curso escolar

Comezan as obras de mellora da escola infantil pública autonómica das Pontiñas

Destínanse 50.000 euros á montaxe dunha nova cuberta principal e á prolongación da cuberta do patio para que cubra a entrada principal do centro

Lalín (Pontevedra), 19 de agosto de 2023

As obras de mellora na escola infantil pública autonómica das Pontiñas anunciadas para este verán pola Xunta de Galicia xa están en marcha e prevese que rematen no prazo establecido, antes do inicio do curso escolar. A intervención consiste na montaxe dunha nova cuberta principal e na prolongación da cuberta do patio para que cubra a entrada principal á escola. Tamén se están a instalar novas baixantes exteriores para evitar posibles filtracións de auga ao interior do edificio e se repararán humidades interiores.

A Xunta, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, financia esta actuación con preto de 50.000 euros mediante a compensación do importe das liquidacións que ten que pagar a Administración local por este servizo. A execución dos traballos corre a cargo do Concello de Lalín e estanse a levar a cabo durante o mes de agosto, aproveitando que o centro non ten actividade por vacacións.

A escola infantil das Pontiñas iniciará o vindeiro curso 2023-2024 con 65 nenos matriculados e o outro centro que ten o Consorcio neste municipio, o situado no polígono, retomará a súa actividade en setembro con outros 53 nenos. As familias seguirán sen pagar nada pola atención educativa dos seus fillos, posto que a Xunta mantén a gratuidade en todas as escolas de 0 a 3 anos da Comunidade Autónoma e para o 100% do alumnado.

Actuacións nas escolas infantís

O Executivo autonómico xa financiou en anos anteriores melloras en ambas escolas infantís públicas autonómicas emprazadas na localidade. En 2019, ampliouse o centro das Pontiñas ao pasar de catro a cinco unidades; e no 2020 levouse a cabo a reforma integral da cociña, o que permitiu incrementar a súa superficie e o número de prazas de comedor; así como habilitar un novo espazo para almacén e renovar o equipamento deste servizo. Estas dúas actuacións tiveron un custe de 88.000€.

Con respecto á escola do Polígono Lalín 2000, no curso 2021-22 financiáronse obras de melloras por un montante de 36.000 euros. Estes traballos afectaron a elementos internos e externos do inmoble, como a porta de acceso, ventás e peches de seguridade infantil. Tamén incluíron a soleira de formigón ou a pavimentación dunha rampla de acceso con caucho, entre outras intervencións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/08/2023