O conselleiro do Medio Rural presidiu o acto inaugural das novas instalacións do mercado municipal de Crecente, nas que o Goberno galego investiu preto de 96.000 euros

A Xunta destaca a importancia das prazas de abastos na dinamización do mercado de proximidade, na venda dos produtos alimentarios e no fomento da súa calidade

José González, que estivo acompañado do alcalde e da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, explicou que se levou a cabo a restauración do interior do inmoble e se crearon catro postos de venda e un local para supermercado

Vinculou estas obras coas directrices europeas -e coas consecuentes políticas da Xunta- encamiñadas a reducir a pegada de carbono e destinadas a achegar aos agricultores e gandeiros, por un lado, e aos consumidores, por outro

Crecente (Pontevedra), 18 de agosto de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe a importancia das prazas de abastos na dinamización do mercado de proximidade, na venda dos produtos alimentarios e no fomento da súa calidade. González presidiu o acto inaugural da rehabilitación do mercado municipal de Crecente, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde desta localidade pontevedresa, Julio García-Luengo.

O conselleiro puxo en valor o investimento de preto de 96.000 euros nestas instalacións, que serviron para renovalas totalmente. Así, segundo explicou José González, levouse a cabo a restauración completa do interior do inmoble, creáronse catro postos de venda de produtos agroalimentarios e habilitouse un local para un supermercado.

Todo isto, engadiu o titular de Medio Rural, mediante diferentes intervencións, entre as que salientan o reforzo da estrutura con perfís de aceiro para garantir a seguridade do recinto, a instalación de carpinterías metálicas en todos os ocos exteriores, con vistas a mellorar a luminosidade ou a colocación de portas corredoiras automáticas, co fin de mellorar a eficiencia enerxética e a funcionalidade. Así mesmo, procedeuse a reforzar o illamento térmico e á dotación de pavimentación específica, para cubrir as diferentes necesidades.

Pegada de carbono

O conselleiro vinculou estas obras na praza de abastos de Crecente coas directrices europeas -e coas consecuentes políticas da Xunta- encamiñadas a reducir a pegada de carbono e destinadas a achegar aos agricultores e gandeiros, por un lado, e aos consumidores, por outro.

Así mesmo, José González sinalou que a mellora das instalacións do mercado incide tamén noutra das liñas de actuación da Consellería do Medio Rural, como é a calidade. Un aspecto que -indicou- a Xunta defende dende o control, a promoción e o apoio á comercialización, entre outros ámbitos, e que se fomenta tamén mediante medidas de ordenación, caso da futura Lei da calidade alimentaria de Galicia.

Neste sentido, o conselleiro apuntou que o feito de contar cun mercado de calidade incide tamén na defensa da excelencia dos nosos produtos alimentarios e que, de feito, dispoñer dunhas instalacións cun bo nivel constitúe un valor engadido á hora de facilitar a venda destas producións.

Por todo isto, José González quixo felicitar ao rexedor municipal e a todos os veciños de Crecente polo éxito desta rehabilitación e desexar que este mercado sirva como punto de encontro para moitos deles e para poñer en valor esa calidade dos produtos da nosa terra, remarcou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/08/2023