A Xunta recibe nove ofertas para a reforma da residencia de maiores pública autonómica de Barbadás

Investirase máis dun millón de euros na redistribución e adecuación de espazos para adecualos as necesidades funcionais do centro

Barbadás (Ourense), 18 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia ten en fase de adxudicación as obras de mellora da residencia de maiores de Barbadás, pertencente á rede pública autonómica. Son nove as empresas que presentaron as súas propostas para facerse con esta intervención á que se destinará máis dun millón de euros.

O obxectivo desta actuación é acometer unha ampla remodelación deste equipamento, o que supón unha reorganización de espazos para adecualos ás necesidades funcionais do centro. O prazo previsto para a execución das obras é de seis meses, unha vez que comecen os traballos.

Así, a intervención contempla o traslado das salas de rehabilitación e fisioterapia á planta baixa, e a redistribución do espazo ocupado actualmente polo salón de actos e a antiga capela para albergar unha sala de actividades e a biblioteca, entre outras dependencias. Ademais, redistribuirase o espazo que ocupa a antiga vivenda de dirección e parte da actual zona administrativa para aloxar vestiarios, incluíndo a reforma dos accesos desde o exterior para posibilitar o seu uso por parte de persoas con discapacidade.

Comedor e almacéns

Tamén se modificará por completo a zona central da segunda planta para albergar unha sala destinada a comedor e dous pequenos almacéns; e reformaranse os aseos existentes para adaptalos a persoas con discapacidade.

As melloras propostas complétanse coa reforma do acceso ao inmoble existente na fachada lateral (rúa da Esmorga), substituíndo a escaleira existente por unha rampla para mellorar a accesibilidade ao edificio. Así mesmo, melloraranse as condicións de seguridade do edificio coa instalación de escaleiras de evacuación no exterior e novas portas nos corredores.

Data de actualización: 18/08/2023