A Policía Autonómica e Gardacostas comisan 30 quilos de ameixa en Narón

É o resultado dun operativo contra o furtivismo na zona do Couto o pasado 10 de agosto

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2023

Axentes da Policía Autonómica de Santiago, xunto con axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, comisaron o pasado 10 de agosto 30 quilos de ameixa no marco dun operativo de loita contra o furtivismo na zona do Couto, en Narón.

A actuación tivo lugar no decurso dos labores de inspección da costa, que permitiron localizar catro persoas extraendo ameixa sen a habilitación correspondente. Como resultado, todas elas foron identificadas e tramitáronse as respectivas denuncias por presunta infracción da Lei de pesca de Galicia.

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola Policía Autonómica no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/08/2023