Gabriel Alén supervisa as obras do CEIP Manuel Luís Acuña, nas que a Xunta inviste máis de 90.000€

As obras consisten na instalación dun ascensor, nas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades investiu máis de 70.000 euros

Tamén se están a desenvolver actuacións de mellora da entrada de autobuses no Pavillón Polideportivo, nas que a Xunta está a investir máis de 19.000 euros
 

Ourense, 17 de agosto de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá o remate das obras de instalación dun ascensor no CEIP Manuel Luís Acuña, nas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades investiu máis de 70.000 euros.

O delegado territorial explicou que o edificio consta dun gran espazo central de entrada flanqueado por dos núcleos de escaleiras de comunicación coas plantas superiores e có semisoto. O ascensor localizouse nese espazo para dar servizo a todas as plantas en consonancia co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dar resposta ás necesidades de escolarización das zonas con maior demanda de prazas escolares e facilitar aos alumnos con mobilidade reducida os seus desprazamentos polo centro.

Obras na entrada do Pavillón Polideportivo

Así mesmo, Gabriel Alén aproveitou a súa estadía no centro educativo para comprobar o estado das obras de mellora da entrada de autobuses no Pavillón Polideportivo, na que a Xunta está a investir máis de 19.000 euros. Dada a dificultade nos xiros deste vehículos estase executando a ampliación da entrada na zona do aparcadoiro anexa ao Pavillón.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/08/2023