A Xunta investirá 4 millóns de euros na mellora da residencia pública de maiores de Campolongo

Reorganizaranse os espazos, crearase unha zona de usos múltiples na terraza e reformarase por completo a segunda planta para destinala a usuarios con maior dependencia

Pontevedra, 16 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia realizará obras de mellora por un importe de catro millóns de euros na residencia de maiores de Campolongo, pertencente á rede pública autonómica. A actuación xa está adxudicada á empresa Ogmios e ten un prazo de execución previsto de 18 meses, unha vez que comecen os traballos.

O obxectivo desta intervención é adecuar os espazos existentes, cunha reorganización que afectará especialmente ás zonas de enfermería e comedor. Ademais, cubrirase a terraza para que se poida destinar como zona de usos múltiples, deixando un espazo exterior para o uso das persoas residentes. Tamén se reformará por completo a segunda planta, mellorando a súa accesibilidade e coa finalidade de destinala para os usuarios con maior dependencia.

A actuación proposta contempla o aumento das condicións de illamento, para o que se mellorará a envolvente térmica do edificio e actuarase sobre as carpinterías exteriores. Así mesmo, substituiranse os ascensores e as dúas caldeiras de gasóleo por outras de biomasa.

Data de actualización: 16/08/2023