A Xunta abre ás familias as residencias de tempo libre do Carballiño e Nigrán para o desfrute das vacacións
O programa ‘Vacacións en familia’ ofertou este ano máis prazas que nunca co obxectivo de aumentar as opcións de ocio e de conciliación
O Carballiño (Ourense), 14 de agosto de 2023 O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, salientou hoxe a aposta do Goberno galego por ofrecer ás familias propostas de ocio que lles permitan desfrutar do verán e, ao mesmo tempo, conciliar. Díxoo durante unha vista á Residencia de Tempo Libre da Xunta de Galicia no Carballiño, na que se está a desenvolver o programa ‘Vacacións en familia’.
O programa ‘Vacacións en familia’ inclúe aloxamento e pensión completa na residencia. Ao igual que sucedeu en convocatorias anteriores, as familias de especial consideración, como as numerosas, as monoparentais, as acolledoras ou as vítimas de violencia machista tiveron prioridade no acceso ás prazas.