A Xunta impulsa este sábado en Sober a comercialización e difusión da Artesanía de Galicia

A terceira edición de Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra celébrase o 19 de agosto no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras en horario de 11:00 a 21:00 horas

O programa de actividades inclúe exposición de produtos de 19 obradoiros, talleres abertos e gratuítos de iniciación ao tecido de tapices, á cerámica e á cestería e unha sesión vermú coa actuación musical de De Vacas
 

Sober (Lugo), 15 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia impulsa por terceiro ano consecutivo a comercialización da marca Artesanía de Galicia e a difusión dos seus oficios a través dunha nova edición do evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, que terá lugar este sábado, 19 de agosto, no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras (Sober) en horario de 11:00 a 21:00 horas. No programa inclúese exposición e venda de Artesanía de Galicia, tres talleres abertos para todos os públicos e unha sesión vermú na que actuará o grupo musical De Vacas a partir das 13 horas.

Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra é un evento de comercialización directa e de divulgación dos oficios artesanais no que participan como expositores 19 obradoiros da marca Artesanía de Galicia, e que representan nove oficios diferentes: a madeira, a cerámica, a olería tradicional, os xoguetes, a bixutería, a marroquinería, a elaboración de roupa, os complementos de moda e a xoiería.

Os obradoiros que participan como expositores son Arobe Cerámica (A Coruña); os obradoiros de Ourense Bangus e María Aba; os de Quiroga Armaior e Enxógate; Blaurtopías (Vigo); Ceniza de Papel (O Corgo); os obradoiros de olería tradicional de Gundivós (Sober) Elías de Gundivós e Figulus Olaría Tradicional da Ribeira Sacra; Mimacuir (Taboada); Mocao (Oleiros); Nobelo a Nobelo (A Estrada); Noga Arts (Teo); Obradoiro Gorín (Buño, Malpica de Bergantiños); Olería do Batán (Baños de Molgas); Riomao Estudio Creativo (A Teixeira); Senda Coiro (A Pobra de Brollón); Lumecú (Vilar de Santos) e Siliva (Abegondo).

No programa de actividades inclúense tamén tres talleres gratuítos abertos a todos os públicos, que se desenvolverán en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.

Trátase dun obradoiro de iniciación ao tecido con tapiz, impartido por María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo); un obradoiro de cerámica de torno a cargo da Asociación Galega da Cerámica e outras Artesanías (Gondomar); e outro de técnicas de cestería do que se encargará Carlos Rubio, do taller O Carabel Ecocestos (Ferrol).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/08/2023