A Xunta adxudica por preto de 27,2 M€ as obras do primeiro treito da prolongación da autovía AG-59 entre a Ramallosa e a estrada AC-241

O contrato prevé asinarse a mediados de setembro co fin de comezar as obras na primeira quincena de outubro

Trátase de construír 3,5 km de autovía libre de peaxe desde A Ramallosa ata o enlace coa AC-241, en Pontevea, de xeito paralelo á estrada AC-841

O novo treito contará con dous enlaces, un deles resultado da reforma do existente na Ramallosa, e outro de nova execución, sobre a AC-241, en Pontevea

Disporanse 6 estruturas: o viaduto de Santa Lucía, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores

A Xunta, de xeito paralelo, traballa no proxecto de construción da 2ª fase de prolongación da autovía, que serán 4 km máis entre Pontevea e O Rollo, xa no municipio da Estrada

A prolongación da autovía permitirá mellorar a comunicación entre Santiago e Tabeirós-Terra de Montes, reducindo a 10 minutos a viaxe entre A Estrada e a capital de Galicia
 

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2023

A Xunta vén de adxudicar por preto de 27,2M€ as obras da prolongación do primeiro treito da autovía AG-59, entre A Ramallosa e a estrada AC-241.

A intervención, cun prazo de execución de 20 meses, foi adxudicada á UTE Vías y Construcciones S.A.- Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa, S.L (Marconsa).

O contrato prevé asinarse a mediados do mes de setembro co fin de comezar as obras na primeira quincena de outubro.

O obxectivo é habilitar 3,5 novos quilómetros de prolongación da AG-59, que dá continuidade ao treito da autovía libre de peaxe que xa se atopa en servizo, que se corresponde co treito da autovía, entre A Ramallosa e Pontevea, no concello de Teo.

Os traballos centraranse no primeiro treito, que irá desde A Ramallosa ata o enlace coa AC-241, en Pontevea, e construirase de xeito paralelo á estrada AC-841, atravesando o municipio de Teo. 

En canto ás características deste novo tramo da autovía, considérase unha velocidade de proxecto de 100 km/h, con 4 carrís de 4 x 3,50 metros e mediana de 1 x 2 metros, beiravías exteriores e interiores, e bermas exteriores.

O proxecto contempla dous enlaces: adecuándose o xa existente na Ramallosa coa estrada AC-841, e outro de nova construción, sobre a estrada AC-241, ao final do treito e rematando nunha glorieta de 20 m de radio sobre a propia estrada autonómica.

Tamén se inclúen 6 novas estruturas: o viaduto de Santa Lucía de 150 m de lonxitude, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores (un en cada enlace). Ademais prevense ao longo do trazado variantes das estradas actuais e camiños de servizo.

O Goberno galego, de xeito paralelo, segue a traballar no proxecto de construción das obras da segunda fase de prolongación da autovía, que serán 4 km máis entre Pontevea e O Rollo, xa no municipio da Estrada.

O segundo treito proxectado, cun investimento estimado de 34 M€, unirá o enlace da AC-241, en Pontevea, coa PO-841, chegando ata O Rollo, xa no concello da Estrada, tamén de xeito paralelo á estrada autonómica.

O obxectivo destas actuacións é facilitar a comunicación e a vertebración territorial entre Santiago e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes, reducindo a 10 minutos os tempos de viaxe entre A Estrada e a capital de Galicia.

A infraestrutura busca, tamén, incrementar a competitividade do municipio da Estrada, sede de importantes institucións como a Academia Galega de Seguridade Pública, do Centro Integrado de Emerxencias 112 e do 061, e cunha grande actividade económica e empresarial.

Data de actualización: 14/08/2023