A Xunta remata a obra dos primeiros espazos da nova UCI do hospital universitario de Ourense

Este novo espazo complementarase de inmediato coa reforma do actual espazo de UCI ata chegar ás 30 camas, e acadando un investimento total de 8,2 millóns de euros

A xerente do Sergas destaca a estrutura en boxes individuais que o Goberno galego decidiu estender a todas as áreas sanitarias trala pandemia

Este novo modelo de UCI facilita tamén a humanización dos espazos e o confort das familias dos pacientes
 

Ourense, 14 de agosto de 2023 A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, destacou hoxe, na súa visita ás instalacións da nova UCI do Hospital Universitario de Ourense, que “a obra xa está xa rematada e lista para a montaxe do equipamento e a realización dos controis ambientais necesarios para corroborar todos os requisitos de calidade que debe cumprir un espazo como este”. Na visita, a xerente estivo acompañada polo delegado territorial, Gabriel Alén; e polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

Tal e como detallou Estrella López-Pardo, o novo espazo de 10 boxes non formaba parte da UCI, que se localiza noutra área anexa. “Unha vez que o Sergas teña todos os parámetros de seguridade verificados e comece o traslado de pacientes, a actividade de críticos do hospital trasladarase a esta zona, iniciando entón a segunda fase da obra na actual UCI, para crear outros dous módulos con esta mesma configuración en boxes individuais e illados”.

O resultado final da actuación, -dixo a responsable do Sergas-, de 8,2 millóns de euros de investimento, “será ampliar o número de camas de 20 a 30, ademais de triplicar a superficie e establecer en todo o espazo de críticos esta distribución en boxes individualizados”.

Segundo Estrella López-Pardo, a aposta por este tipo de espazos decidiuse a raíz da pandemia, onde quedou claro que o manexo de enfermidades infecciosas era moito máis operativo en dependencias como esta e, ademais, encaixaba coa estratexia de humanización que estaba a desenvolver o Sergas, “xa que esta distribución individualizada facilita o confort dos pacientes e das súas familias”.

Nesta lexislatura, o Sergas conseguiu que todas as UCIs dos seus hospitais permitan a presenza durante as 24 horas dos pais no caso de nenos ou neonatos e, espazos como este, “facilitan seguir avanzando en contornas máis humanizadas a todos os pacientes críticos”.

“Este é o novo modelo de UCI que existe nos hospitais máis novos da rede sanitaria pública galega”, -remarcou a xerente-, que son os de Lugo e Vigo, e que se vai implantar nas ampliacións que se están a construír na Coruña, Ferrol ou Pontevedra, e que se realizou, a través de reformas específicas, en Santiago e agora en Ourense.

Investimentos por 80 millóns

Ademais de formar parte do proceso de cambio do modelo de UCI en toda Galicia, esta obra supón tamén, -dixo a xerente do Sergas-, unha peza da transformación que o Goberno galego está a levar a cabo en particular no Hospital Universitario de Ourense. Así, está en marcha un novo edificio de hospitalización xa en construción; un novo servizo de medicina nuclear para poder instalar o primeiro diagnóstico PET; e, ademais, reformas para instalar novos equipamentos como a sala de neurorradioloxía que dotará a Ourense dunha unidade completa de ictus.

En total, remarcou Estrella López-Pardo, “un investimento por parte da Xunta de 80 millóns de euros entre obra e equipamento”.

Para rematar a súa intervención, a xerente agradeceu a pacientes e profesionais o esforzo nestes momentos de obras e adaptacións que se fan única e exclusivamente no seu beneficio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/08/2023