A Xunta e a Comisión Fulbright seleccionan aos cinco novos bolseiros de estudos artísticos que completarán os seus estudos en EEUU desde este ano

Trátase de Mateo Balboa Doldán, Noa Covelo Lores, Pedro González Fernández, Viveka Goyanes de Miguel e Ventura Alejandro Pérez Suárez

Realizarán estadías de formación, investigación ou desenvolvemento de proxectos nas áreas de artes audiovisuais, escénicas, plásticas e visuais, á música e musicoloxía, á museoloxía e conservación do patrimonio e á xestión cultural

Asistiron a unha xornada de orientación na Embaixada de Estados Unidos co secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila
 

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia e a Comisión Fulbright veñen de seleccionar aos novos bolseiros que se trasladarán a Estados Unidos para completar os seus estudos vinculados ao eido cultural ao abeiro do programa de Bolsas Fulbright convocado entre as dúas organizacións. Trátase dunha iniciativa na que Galicia é pioneira, xa que é a única comunidade autónoma que dispón este tipo de bolsas culturais.

Os cinco profesionais asistiron a unha xornada de orientación en Madrid na que tamén estivo o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, que lles felicitou pola súa traxectoria. Trátase de Mateo Balboa Doldán, que desenvolverá a súa estadía na Manhattan School of Music de Nova York tras cursar os seus estudos no Conservatorio Superior de Música da Coruña e na Universidade de Bergen; Noa Covelo, que estudou Arte Dramática na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia que estará no Bartenieff Institute of Movement Studies, e Viveka Goyanes de Miguel, licenciada en Belas Artes pola Universidades de Vigo que realizará a súa estadía no Pratt Institute da Nova York.

Asemade, Ventura Alejandro Pérez Suárez, doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo, desprazarase á School of Visual Arts e Pedro González Fernández, que irá a Stanford University en California tras cursar estudos no Conservatorio Profesional de Música de Vigo e na Escola Superior de Música de Cataluña.

Iniciativa pioneira

Os seleccionados para participar nesta iniciativa están vinculados, todos eles, con Galicia por nacemento, residencia, formación en estudos superiores ou artísticos e traxectoria profesional. Realizarán estadías de formación académica, de investigación artística ou de desenvolvemento de proxectos cun sólido compoñente investigador nas áreas de artes audiovisuais, escénicas, plásticas e visuais, música e musicoloxía, museoloxía e conservación do patrimonio e á xestión cultural.

O acordo entre a Comisión Fulbright e o Goberno galego para promocionar e divulgar o patrimonio e a cultura de Galicia a través de estadías, que terán unha duración de entre seis e 12 meses, é unha iniciativa pioneira no noso país.

As bolsas están destinadas a gastos de viaxe, manutención, gastos de proxecto, de matrícula e taxas obrigatorias que poidan existir, así como gastos de xestión. Pola súa banda, a achega da Comisión Fulbright cobre os gastos de cobertura médica e de accidentes das bolseiras durante a súa estancia no estranxeiro, entre outros.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/08/2023