A Xunta destina preto de 30 millóns de euros a 79 empresas agroalimentarias en axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas achegas da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, dependente da Consellería do Medio Rural

O seu obxectivo principal incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia e destinadas a tal fin
 

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, dependente da Consellería do Medio Rural, cos beneficiarios das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Deste xeito, 79 empresas do sector agroalimentario recibirán preto de 30 millóns de euros, que están cofinanciados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader).

Neste senso, deuse prioridade ás asociacións de produtores que se uniron para levar investimentos en común. Deste xeito, concedéuselles a máxima puntuación no apartado de beneficio a produtores dos criterios de valoración ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da nosa comunidade.

Con esta orde de axudas búscase incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consistiron en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos consistiron en garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos.

Para iso, foron suxeito de subvención actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor do 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén, estas achegas sufragarán a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos. O fin último é crear novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes.

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230814/AnuncioG0426-030823-0003_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/08/2023