A Xunta recoñecerá o esforzo e superación dun total de 20 alumnos de 4º de ESO

Os premios valoran a capacidade de superación dos estudantes fronte ás dificultades de tipo persoal, educativas ou de contorno familiar e sociocultural
 

Cada galardoado recibirá 1.000€ e o prazo de solicitude estará aberto ata o 15 de setembro
 

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2023 A Xunta recoñecerá o traballo dun total de 20 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) cos premios ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2022/22. O Diario Oficial de Galicia publicou xa a convocatoria destes galardóns, dotada con 20.000€.

O prazo de solicitudes para que o alumnado participe nestes premios estará aberto entre o 16 de agosto e o 15 de setembro. As solicitudes de participación presentaranse preferiblemente por medios electrónicos a través da aplicación informática PremiosEdu.

Estes galardóns, que cada ano convoca a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, recoñecen a capacidade de superación destes alumnos que estudaron nese curso 4º de Educación Secundaria Obrigatoria e conseguiron superar as súas dificultades de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar ou sociocultural, no marco dun ensino comprensivo e integrado.

O obxectivo final deste recoñecemento é que os premiados sexan un exemplo para compañeiros en situacións similares, poñendo en valor o especial esforzo que supón acadar o éxito na escola para os estudantes que proceden de contornos socioculturais desfavorecidos, de contornos familiares disfuncionais, en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal ou a súa inserción social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/08/2023